Skip to main content

Os expertos abogan por ter en conta a internacionalización do produto televisivo desde o comezo da produción

“As mellores ideas, as máis creativas, nacen normalmente nas produtoras independentes”. Deste xeito animaron aos produtores galegos a asistir aos mercados internacionais as especialistas do sector que participaron na xornada organizada polo curso de posgrao CICA (Comercialización Internacional de Contidos Audiovisuais) e o Consorcio Audiovisual de Galicia nas aulas do Máster de Produción e Xestión Audiovisual en A Coruña.

A xornada contou con ponentes con ampla experiencia na exportación de formatos e producións para televisión como series de ficción, documentais e programas de entretemento.

No tocante ás series, Laura Miñarro, directora de vendas internacionais do Grupo Pi —unha das maiores distribuídoras audiovisuais internacionais de España que ten os dereitos, entre outras, de series como “Médico de familia”, “Periodistas”, “7 Vidas”, “Aída”, “Un paso adelante” ou “Los Serrano”, considerou básico para a exportación contar cun bo guión, unha produción de calidade e que a serie triunfara no seu país de orixe. «Hai outro elemento fundamental, que as historias sexan universais».

Miñarro explicou o proceso seguido para a venda internacional da serie Un paso adelante en varios países, con grande éxito, «sen embargo fomos incapaces de vender outra serie como “7 vidas”, porque o seu humor é moi local, moi español ». Xa na xornada de tarde, detallou aos profesionais, as etapas a ter en conta para a preparación e o seguimento dun mercado internacional: que tipos de materiais hai que levar e cómo presentarlle os produtos ós posibles compradores. En definitiva, tratou de explicar as “cociñas” dos mercados.

Documentais

Outro dos formatos dos que se falou foi o dos documentais. Neste caso, por Elena Mera, directora de ventas internacionais de New Atlantis, unha compañía con máis de 400 horas de documentais producidos e co-producidos, cunha aposta firme pola internacionalización. Mera salientou que o primeiro que ten que ter un documental é alma.

«É moito máis sinxelo vender un documental que unha serie de televisión, sinalou, o importante é saber darlle o enfoque, en documentais, calquera cousa pode viaxar, pero tes que saber cómo contalo» e engadiu «hai moitos documentais que se poderían facer por exemplo aquí en Galicia e interesar a xente de calquera parte do mundo».

Salientou que en moitos casos as vendas internacionais non son unha fonte para incrementar beneficios, senón a única posibilidade que teñen algúns documentais de poder realizarse, grazas ás coprodución.

A visión máis internacional achegouna Emanuela Spinetta, conselleira delegada de Grundy Producciones. Puxo sobre a mesa as estratexias de venda de produtos exitosos como “¿Hay Trato?”, “Oído cocina”, “Uno para todas”, “El precio justo” ou “Perdidos”. Distinguiu entre os formatos de entretemento —concursos, reallitys...— e os de ficción dos que considerou que «aínda non se desenvolveron tanto» e prognosticou que seguirán evolucionando ata alcanzar os resultados das telenovelas, «un rotundo éxito do xénero na súa distribución». Tamén anunciou que o próximo ano poderán saír ó mercado produtos revolucionarios dirixidos ás televisións interactivas.

Audiovisual galego

Máis de medio cento de profesionais galegos asistiron a esta xornada que serviu ao sector para tomar referencias á hora de presentar ás súas producións na vindeira edición do MIPCOM de Cannes, un dos mercados internacionais de contidos televisivos máis importantes do mundo, que se celebrará entre o 9 e o 13 de outubro.

Neste sentido, o xerente do Consorcio Audiovisual de Galicia, Ignacio Varela, aproveitou a xornada para presentar o Plan de Internacionalización do Audiovisual Galego impulsado polo Consorcio co obxectivo de paliar o reducido peso económico das producións galegas no exterior. Así, este organismo está a redefinir e ampliar as funcións da Galicia Film Commissión —onde se reciben as consultas para a realización de rodaxes de películas estranxeiras en Galicia— ao tempo que asesora e realiza un seguimento para a comercialización internacional das empresas e produtos audiovisuais galegos.

O Consorcio potenciará a representación institucional en mercados e festivais para fortalecer unha imaxe exterior global do audiovisual galego e seguirá a formar profesionais para mercados internacionais. Entre os seus obxectivos tamén está a organización de misións comerciais e encontros de cine galego no estranxeiro e a creación dun plan de promoción dos actores galegos a nivel nacional e internacional.

Convenio de colaboración

As xornadas organizadas por CICA e o Consorcio tamén serviron de marco para a firma dun convenio entre o Máster en Produción e Xestión Audiovisual de La Voz de Galicia e o Consorcio Audiovisual para a organización do curso de posgrao sobre Comercialización Internacional de Contidos Audiovisuais, que se celebra con carácter bianual.

O secretario xeral de Comunicación da Xunta, Fernando Salgado, indicou que actividades formativas deste xénero encaixan cos obxectivos do Consorcio relativos á formación e a internacionalización do audiovisual galego. Pola súa banda, o reitor da Universidade da Coruña, José María Barja, amosou o seu interese en que estas iniciativas se convirtan en comúns. O prazo para inscribirse neste curso de posgrao, que comezará en outubro, xa está aberto (www.escuelademedios.com).



Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia