Skip to main content

Fernández Antonio avoga por aproveitar as TIC para que Galicia gañe en produtividade e competitividade

O conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio, defendeu o uso das TIC como unha “estratexia segura” para gañar en produtividade e competitividade empresarial, nun sentido horizontal e vertical. Segundo o conselleiro, a estratexia horizontal fundaméntase na incorporación acelerada de solucións de negocio innovadoras baseadas nas TIC, e a estratexia vertical no crecemento en sectores emerxentes vinculados ás TIC, tales coma os produtores de contidos para a súa difusión a través dos novos medios e soportes, desenvolvemento de software, ou fabricación de soportes e equipos. Fernández Antonio clausurou na Facultade de Ciencias da Comunicación a “Techbusiness Week 2006”.

Durante o acto de clausura da TBW, o conselleiro de Economía e Facenda falou do longo camiño que Galicia debe percorrer ata lograr a plena incorporación á sociedade da información. Non obstante, expresou a súa confianza na sociedade e nos emprendedores galegos, “que teñen acreditada unha moi notable capacidade para innovar e unha actitude moi positiva cara ao emprendemento”.

Unha aposta clara do Goberno Galego

Fernández Antonio puxo de manifesto que o Goberno Galego ten claro que “a estratexia pasa por actuar sobre o uso das TIC a nivel empresarial, pero tamén na mellora da formación do capital humano, e na extensión das novas tecnoloxías a todos os ámbitos da sociedade”. O obxectivo é “xeneralizar o uso das TIC tanto nas empresas como nas escolas e nos fogares, estender o uso das TIC aos servizos públicos, e impulsar as plataformas tecnolóxicas nos sectores industriais considerados estratéxicos”.

Segundo o conselleiro, os eixes de actuación dos que dispón a Xunta de Galicia para facer realidade este obxectivo son varios. Así, os Orzamentos Galegos para 2006 recollen actuacións por un total de 2.900 millóns de euros para medidas de I+D e Sociedade da Información; educación e formación do capital humano; infraestruturas; e modernización de empresas.

Fernández Antonio fixo referencia a que o Goberno Galego conta cun plan para impulsar a administración electrónica, no que xa se inclúen as novidades da Oficina Virtual Tributaria da Consellería de Economía. No ámbito empresarial, o Igape tamén presta un apoio decidido aos proxectos de implantación de solucións innovadoras baseadas nas TIC, e está a promover proxectos de forte contido tecnolóxico como son a Rede Galega de Empresarios e Profesionais e o Foro Galego do Emprendemento.

Novo Marco Estratéxico de Converxencia Económica de Galicia

O conselleiro de Economía e Facenda tamén aludiu ao protagonismo da innovación e das novas tecnoloxías no Marco Estratéxico de Converxencia Económica de Galicia, que está elaborando a Consellería de Economía. Fernández Antonio dixo que o Goberno Galego quere imprimirlle un novo enfoque ao destino dos fondos europeos e que unha das liñas básicas do Marco será a innovación e o coñecemento ao servizo do progreso económico e social. O conselleiro rematou falando da necesidade de implicar o empresariado nesta nova estratexia e na preparación dos proxectos para acceder ás convocatorias dos novos fondos.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia