Skip to main content

Chegan a Santiago os 17 galegos e galegas residentes en Cuba que se acolleron ao programa Volver a casa

Chegaron a Santiago os 17 cidadáns galegos residentes en Cuba que se acolleron ao Programa “Volver a casa”, que ten por obxectivo promover o reencontro das persoas de orixe galega residentes no estranxeiro, e con carácter ordinario en Latinoamérica, cos seus familiares e a súa terra, fortalecendo así os vínculos de unión con Galicia. Os 17 galegos de Cuba chegan a Galicia despois de que o sábado arribaran os 15 beneficiarios residentes en Venezuela, e antes de que entre os días 22 e 23 de xuño cheguen máis de 200 galegos e galegas de Arxentina, Uruguai e Brasil.

Na edición de 2006 a Secretaría Xeral de Emigración ampliou nun 20% os beneficiarios do programa “Volver a casa”, que en total, ao longo do mes de xuño, permitirá a preto de 300 galegos e galegas residentes no exterior regresar, en moitos casos, sesenta anos despois de abandonala. O programa, que contará cun orzamento de 137.950 euros, é dicir, un 24% máis que no 2005, introduce na convocatoria do presente ano cambios que permitiron rachar coa endogamia doutras épocas e democratizar o proceso de selección de beneficiarios que retornan ao país para pasar unhas vacacións coas súas familias.

Nesta ocasión, de feito, foi por primeira vez a Secretaría Xeral de Emigración a responsable de supervisar os expedientes en todos os seus trámites, dende a convocatoria e a publicidade da mesma, ata a resolución das solicitudes, coa fin última de acadar un proceso máis obxectivo e transparente, e un tratamento unificado dos criterios de selección, que permita que se beneficien do programa “Volver a casa” aqueles galegos que máis tempo levan fóra de Galicia.

O departamento de Emigración do Goberno galego pretende a partir do programa “Volver a casa” facilitar que os galegos residentes no exterior, e máis concretamente en Latinoamérica, tomen contacto coa realidade actual de Galicia, propiciando, asemade, actividades que posibiliten o coñecemento e intercambio de experiencias con familias coas que se reencontrarán despois de moitos anos.

O programa concede axudas por valor do 60% da pasaxe entre os países de residencia e Santiago de Compostela, agás no caso de Cuba, no que a axuda ascenderá ata un 80% por mor da situación económica pola que pasa a comunidade galega asentada no país caribeño. Á súa chegada, que terá lugar na segunda quincena de xuño, pasarán unhas vacacións coas súas familias ata completar un período máximo de tres meses.
Gabinete de Comunicación da Secretaría de Emigración da Xunta de Galicia