Skip to main content

Carmen Gallego considera que os FEP garanten sete anos de tranquilidade para o sector pesqueiro galego

Os novos Fondos Europeos da Pesca (FEP), ratificados pola UE, foron valorados de xeito moi positivo pola Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego Calvar, “xa que a súa aprobación garante sete anos de tranquilidade para a
nosa frota e para a nosa industria pesqueira”. Así, Gallego Calvar lembrou
que nos dous encontros que mantivo co comisario europeo de Pesca, Joe Borg,
lle explicou a necesidade dunha aprobación rápida dos FEP, nos termos que
defendía o Goberno español, “porque as nosas embarcacións de baixura, que
foron as grandes esquecidas polo anterior Goberno no reparto das axudas
comunitarias, tiñan necesidade da posta en marcha de medidas innovadoras
e de accións que facilitasen o relevo xeneracional” .

Deste xeito, e entre outros aspectos, a conselleira destacou as axudas que
prevé o FEP para a compra da primeira embarcación xa que o acordo de
Ministros eleva de 35 a 40 años a idade na que os pescadores poden
incluirse na categoría de xóvenes, o que lles permitirá percibir unha
prima do 15% para a adquisición de buques xa existentes.

A titular de Pesca tamén suliñou o feito de que “a frota artesanal poida
seguir renovándose grazas a unha fórmula que reserva os desguaces que
fixemos entre 2003 e 2006 para aportalos como axudas á construcción”.
Gallego Calvar considerou igualmente reseñable o acordo acadado para o
cambio de motores, que permite sustituir os motores da frota artesanal por
outros de igual potencia, mentres que nas embarcacións de entre 12 e 24
metros permítese o cambio de motor cunha redución do 20%. No arrastre, o
cambio estaría vinculado a programas específicos de aforro enerxético.

Outra das iniciativas aprobadas hoxe en Bruxelas, e que nos beneficiará de
xeito especial, é a relativa ás paralizacións temporais, unha medida que
Galicia xa puso en marcha este ano co Plan de Recuperación do Polbo. A
partir de 2007, poderase destinar o 6% do conxunto do fondo a este tipo de
medidas destinadas a recuperar as pesqueirías con dificultades.

Con respecto á paralización definitiva, o FEP contempla fórmulas
alternativas ao desguace como pode ser a reasignación dos buques a fines
distintos á pesca. Tamén se logrou incliur as primas para os
traballadores por cese permanente da actividade do buque no que estén
enrolados.

Outra das novas que trae consigo os novos fondos comunitarios, que estarán
en vigor entre 2007 e 2013, é o apoio ás sociedades mixtas cunha fórmula
que permitirá a súa financiación a través da promoción destas asociacións
en terceiros países.

No eido da seguridade, un dos temas dos que por parte da Conselleira de
Pesca e Asuntos Marítimos se fixo máis fincapé nas súas visitas a Bruxelas,
o novo fondo abre a posibilidade á modernización das embarcacións por
razóns de seguridade, hixiene, benestar dos traballadores e calidade do
produto. Ademais, a UE aceptou finalmente flexibilizar as condicións de
sustitucións de artes de pesca.

No ámbito da acuicultura, Carmen Gallego salientou o acordo acadado no
que se refire ao tamaño das empresas que poden percibir axudas
comunitarias. Deste xeito, e tal como ela mesma anunciara fai uns meses,
ademais das pequenas empresas, as medianas tamén poderán acceder ás
subvencións europeas. Isto significa que, pola súa dimensión, a totalidade
de industrias galegas adicadas á acuicultura poden recibir axudas. A
Conselleira tamén destacou na súa valoración, pola importancia que ten para
Galicia, o feito de que se poidan seguir financiando as embarcacións
auxiliares de acuicultura, entre as que se atopan as do sector mexilloeiro.

Por outra banda, seguirán sendo obxecto de financiación as campañas
experimentais de pesca e as organizacións de produtores, “dous aspectos
nos que Galicia está perfectamente integrado”, dixo Carmen Gallego.
Asimesmo, valorou o éxito do equipo negociador de España ao conseguir
financiación para as redes e o intercambio de experiencias entre as
organizacións que promovan a igualdade de oportunidades entre homes e
mulleres.

No apartado de comercialización e transformación, salientou o feito de
que se poidan financiar as inversións para o tratamento procesado e
comercialización dos produtos de desfeitos.

Por último, a titular galega de Pesca sinalou que no reparto dos fondos
entre as comunidades pesqueiras españolas espera que Galicia manteña, en
términos porcentuais, a mesma cuantía de axudas que recibiu nos últimos
anos cos fondos IFOP.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia