Skip to main content

O novo sistema de formación basearase na conexión real das prioridades formativas cos requerimentos do mercado laboral

O conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, presentou as novas liñas e modificacións que o seu departamento vai introducir na planificación e xestión da Formación Profesional. Segundo as previsións de Traballo, os destinatarios das actividades de formación, tanto ocupacional como continua, poden acadar a cifra de 300.000 entre desempregados e activos, así o reto da Consellería será, segundo manifestou Varela, “xestionar correcta e eficazmente os preto de 450 millóns de euros que nos próximos catro anos se adicarán a esta materia”. Así mesmo, Varela engadiu que é a primeira vez na que todas as medidas e políticas activas de formación xorden do consenso entre a Administración e os axentes económicos e sociais.

O obxectivo xeral que, para a Consellería de Traballo, debe cumprir a Formación Profesional (FP) é, fundamentalmente, no caso da formación ocupacional, situar ao desempregado nunca posición de empregable e na situación de maior equilibrio posible frente ao empregador, mentres que no caso da continua, debe promover a maior cualificación e adaptabilidade do traballador aos cambios que se producen no mercado laboral.

Segundo apuntou o titular de Traballo durante a súa intervención, os principios que rexerán a actuación do seu departamento con respecto á FP será:

- Conexión da formación cos requirimentos do mercado de traballo, nese senso, “as programacións de formación ocupacional estableceranse en función da determinación previa das prioridades por comarcas e segundo o número de desempregados; territorializaranse as inversións en formación ocupacional, na procura do equilibrio do mercado laboral; determinaranse as necesidades de formación sectoriais, traballaremos para poder determinar claramente as prioridades e a partir de aí, establecer as planificacións”.

Dentro dos requirimentos do mercado hai que falar da necesidade do seu equilibrio nun dobre senso: a participación da muller en políticas activas de formación para a súa inserción nas profesións nas que se atopa subrepresentadas co obxectivo do equilibrio de sexos nas diferentes ocupacións, por iso Traballo establece a participación deste colectivo como prioritario e nese senso, establecerá unha serie de incentivos co fin de facer efectiva a súa participación. Por outra banda, a formación debe reconverter a desempregados de ocupacións para as que hai exceso de demanda cara ocupacións nos que atopemos oferta de postos de traballo, para iso votarase man dos estudos que realice o Observatorio Ocupacional.

- Participación dos axentes económicos e sociais, para a Consellería de Traballo “a participación, colaboración e capacidade de proposta é un principio básico”, xa que segundo declarou o titular de Traballo “forma parte do que entendemos como diálogo social permanente”. Segundo apuntou Varela, “son entidades que por proximidade e por capacidade de proposta coñecen mellor o mundo laboral, ademais a súa intervención e posibilidades de proposta na elaboración das convocatorias de formación deste ano 2006, é unha mostra da nova consideración que a Consellería quere darlle a súa participación”.

- Atención específica aos colectivos en risco de exclusión social, trátase “sinxelamente dun principio básico de xustiza social, pois son colectivos que están en desvantaxe respecto da maioría e que deben ser obxecto de atención preferente”. Dado que unha das actuacións máis axeitadas en relación con estes colectivos son os programas experimentais, a Consellería de Traballo duplicou no 2006 o esforzo presupostario adicado a estas accións de formación”, declarou o responsable de Traballo.

- Formación ocupacional e continua como formación para o emprego, xa que ambas formacións comparten un mesmo obxectivo que é o emprego.

Para planificar e poñer en marcha esta inactiva, Traballo apoiarase en tres piares fundamentais como son: o Observatorio ocupacional, os seus traballos constitúen elementos básicos para determinar as prioridades de formación. As súas aportacións realizaranse a base de publicacións periódicas e a través dunha ampla base de datos do mercado laboral galego. Outro dos piares a participación dos axentes económicos e sociais, a través do Comité Autonómico de Emprego, dos Comités Provinciais de Emprego e Seguimento da Contratación, do Consello Galego de Relacións Laborais e do Consello Galego de Formación Profesional.

Por último, as Comisións Sectoriais de Cualificacións e Formación Profesional, formados por técnicos dos Sindicatos da Confederación de Empresarios, do Instituto Galego das Cualificacións e por técnicos daquelas Consellerías relacionadas coa familia profesional da que se trate. A súa función básica será determinar as necesidades de formación sectoriais e facer propostas relativas ao Sistema de Cualificacións, así como colaborar nas propostas de priorización das necesidades formativas e, a través das Comisións Estándares Profesionais, traballarán a prol da adecuación do tecido productivo galego da formación asociada ás ocupacións do Catálogo Nacional de Ocupacións.

Ricardo Varela recordou que dende o pasado mes de febreiro están constituídas 15 Comisións Sectoriais naquelas familias profesionais, que determinou o Consello Galego de Formación Profesional, máis importantes do noso tecido productivo e están comezando a cumprir co seu traballo e funcionando con normalidade.

Ademais destas actuacións, Traballo contará, en paralelo e en conexión coa planificación da FP, con accións en materia de orientación profesional e en materia de homologación das especialidades, como son os itinerarios personalizados, “ferramentas de atención individualizada que servirán para establecer o nivel de ocupabilidade dos demandantes, o seu itinerario formativo e as políticas activas ás que deben de acudir para completar ese itinerario”, sinalou Varela, quen engadiu que “deberán ter en conta para o perfeccionamento dos itinerarios personalizados aspectos tales como o nivel de ocupabilidade inicial, ocupacións demandadas e ámbito de busca, así como, a situación xeral do sector das ocupacións solicitadas. Estes servizos de atención individualizada situaranse prioritariamente en Administracións locais, axentes sociais e entidades que atenden a colectivos de discapacitados e persoas en risco de exclusión social.

Outra das ferramentas será o deseño dun procedemento áxil e flexible de homologación de especialidades por parte dos centros colaboradores, que lles permitirá unha mellor adaptación da formación aos requirimentos do mercado, unha vez establecidas as prioridades e unha certa especialización por familias profesionais, tendo en conta os restantes Centros da rede e as súas especialidades.

O conselleiro de Traballo declarou que se poden e deben conseguir avances no eido da Formación Profesional a través de tres tipos de actuacións, por unha banda, acreditando a formación ou a competencia profesional a través dos certificados de profesionalidade, xa que estes supoñen o recoñecemento da competencia profesional, poden incidir na calidade da contratación e na mellora das condicións laborais e, en consecuencia, poden promover un maior recoñecemento económico e posibilidades de promoción profesional.

En segundo lugar, mellorando a calidade. As certificacións de calidade dos centros son un elemento a impulsar , non só en centros propios senón tamén nos colaboradores, ademais de optimizar o mapa de recursos en colaboración estreita coa Consellería de Educación, e por último, estimulando a participación con incentivos á participación na formación en sectores necesitados da incorporación de traballadores e en sectores con subrepresentación de sexo aos mesmos efectos.

Segundo concluíu Varela durante a súa intervención “trátase de poñer en valor e conectados todos os recursos e elementos que configuran a planificación da Formación Profesional con especial atención, porque o seu dereito, aos seus destinatarios: os traballadores”.

A situación actual da Formación Profesional

A Consellería de Traballo prantéxase este cambio na estructura da formación pola situación actual na que se atopa a Formación Profesional, xa que agora mesmo, advertiu Ricardo Varela, “atopámonos cunha formación que, sendo de oferta, é na realidade, de demanda e que está determinadas por elementos alleos ao que deberían de ser o establecemento previo de prioridades”. Por outra banda, “falla o cumprimento do principio básico de conexión da formación coas demandas do tecido productivo, na medida en que as homologacións previas de especailidades non dean resposta ás necesidades do mercado” sinalou o conselleiro de Traballo, quen engadiu que “necesitamos superar as rixideces nas fórmulas de execución e os desequilibrios territoriais e sectoriais das programacións formativas, desequilibrios que se producen por esa falla de establecemento previo de prioridades e que provoca a falla de obxectivos definidos e acordes coas finalidades da formación: a inserción no mercado e a maior cualificación profesional”.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Traballo da Xunta de Galicia