Skip to main content

A mostra fotográfica da campaña Podemos.Queremos comeza o seu itinerario por 16 vilas galegas

A mostra fotográfica da campaña Podemos. Queremos. Corresponsabilidade: responsabilidades compartidas, promovida pola Vicepresidencia da Xunta a través da Secretaría Xeral da Igualdade, comezou o seu percorrido por toda Galiza, tras a súa estancia en Santiago -en Área Central- dende o día da súa presentación. Estes días, coincidindo coa celebración da Semana Verde, puido verse no recinto feiral de Silleda. A mostra pasa por outras 15 vilas galegas ata finais de ano. En concreto, está en Pontevedra, O Grove, Baiona, A Guarda, Tui, Allariz, Pobra de Trives, Sarria, Lugo, A Estrada, Arteixo, Ourense, Mondoñedo, Cee e A Coruña.

Na mostra poden verse destacadas personaxes masculinas da vida social e cultural de Galiza realizando diferentes tarefas no fogar. Son en total 12 paneis con fotografías realizadas por Xurxo Lobato. Vicepresidencia pretende deste xeito que o maior número de persoas coñeza esta campaña, promovendo así unha reflexión e un cambio de mentalidade sobre a necesidade de repartir as responsabilidades no ámbito doméstico-familiar. Podemos. Queremos quere ensinar aos galegos e galegas que a conciliación é unha tarefa de todos, homes e mulleres, e de todos os ámbitos e momentos.

Reparto de tarefas

A Vicepresidencia da Xunta puxo en marcha Podemos. Queremos co obxectivo de concienciar á cidadanía sobre a importancia do reparto de tarefas no fogar. Preténdese pasar do paternalismo á participación e da tutela á corresponsabilidade para acabar así co “déficit democrático nos fogares”, tal e como dixera o vicepresidente da Xunta na presentación da campaña o pasado 24 de maio. Como exemplo deste déficit, é suficiente lembrar un dato: nos fogares galegos, as mulleres adican catro veces máis tempo cós homes ás tarefas domésticas e ao coidado doutras persoas.

A campaña consiste, ademais da mostra itinerante de fotografías, na difusión en prensa, radio e televisión de anuncios publicitarios, e no reparto de 4.000 folletos e 6.000 catálogos coas fotos da exposición e con textos escritos por autoras galegas, como Rosa Aneiros, Anxos Sumai ou Mercedes Queixas. Este material divulgativo repártese en concellos, centros de información á muller e tamén asociacións veciñais, entre outros.
Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia