Skip to main content

O Consello Galego de Cooperativas falla os Premios ao Cooperativismo no Ensino

Coa finalidade de difundir o cooperativismo na comunidade autónoma a través do seu fomento dende a propia escola a Consellería de Traballo convocou este ano unha nova edición dos premios ao Cooperativismo no Ensino. O Consello Galego de Cooperativas ven de fallar os galardóns cos que se recompensa publicamente os mellores proxectos á cooperación nos centros de ensino de primaria e secundaria, así como nos de Formación Profesional.

Na concesión dos galardóns na categoría de Ensinanza Primaria e Secundaria, o xurado tivo en consideración o fomento do cooperativismo, a través da posta en práctica dos valores sociais como a solidariedade, o espírito democrático, a participación, a actuación colectiva e a solución de conflictos. Así mesmo valorouse o número de persoas participantes, a orixinalidade, a organización do grupo e a calidade final do producto. Os centros podían presentar ao concurso os traballos realizados nas categorías de actividades cooperativizadas, debuxo, pintura e vídeo.
Na modalidade de debuxo, pintura e vídeo os premiados foron:

Categoría A: 1º Premio: Alumnos de 1º e 2º de Educación Primaria do CEIP Domaio, de Moaña en Pontevedra, polo proxecto “A ledicia de colorín, un dos vagóns do tren da paz”; Accésit: Iria Vidal, Iria Rodríguez e Yaiza Segade, alumnas de 2º de Educación Primaria do CEIP Mestre Pasto Barral de Melide, polo seu traballo “Veña que os dous podemos”.

Categoría B: 1º Premio: Alumnos de 3º e 4º de Educación Primaria do CEIP Domaio, de Moaña en Pontevedra, polo seu mural sobre “A nosa horta”; Accésit: Mª Carmen Saa, María Montes, Andrea Sobral, e Pablo Torres, alumnas de 4º de Educación Primaria do CEIP Monte Porreiro de Pontevedra, por “A casa é de todos”.

Categoría C: 1º Premio: Alumnos de 5º e 6º de Educación Primaria do CEIP Domaio, de Moaña en Pontevedra, polo seu traballo “Mural dos Maios sobre estrutura cónica”; Accésit: Alumnos de 5º e 6º de Educación Primaria do CEIP Irmáns Villar, de Peña Trevinca de Ourens, polo seu traballo “A videira boa dá bos acios”.

Nos premios ás actividades cooperativizadas os galardóns recaeron:

Categoría D: 1º Premio: Alumnos de 1º curso do 1º Ciclo da ESO do CPR Andaina, da Zapateira na Coruña, polo proxecto “A voz D’Andaina”.

Categoría E: 1º Premio: Alumnos de 2º Ciclo da ESO do CPI Luís Díaz Moreno, de Baralla en Lugo, polo seu traballo “Festival Benéfico de Fin de Curso”

Os gañadores dos primeiros premios de cada categoría recibirán material de debuxo e pintura, audiovisual ou informático por un valor total de 1.500 euros, e os accésit recibirán materiais por un valor de 500 euros. Así mesmo, entregarase un premio ao mellor traballo valorado en 1.500 euros para financiar os gastos de realización da actividade.

Nos premios dirixidos aos alumnos de centros de Formación Profesional, participaron os centros de educativos de Galicia que imparten formación profesional específica, que desenvolveran actividades de fomento do cooperativismo, como xornadas, visitas a cooperativas e calquera actividade para divulgar esta fórmula empresarial entre o alumnado. Os proxectos tiñan que estar redactados en galego e presentarse en formato papel e formato electrónico. No fallo o xurado valorou a coherencia, orixinalidade e viabilidade económica dos proxectos empresariais cooperativos, así como a súa relación co medio onde se desenvolve.

O gañador na categoría de Premio ao Mellor Proxecto Empresarial Cooperativo foi o IES As Mercedes de Lugo, polo seu traballo “Solución, Sociedade, Cooperativa Galega”. Así mesmo concedéronse dous accésit ao IES Marco do Camballón de Vila de Cruces, en Pontevedra, polo seu proxecto “Arco Metal S.Coop.Gallega” e ao IES Leiliadoura de Riveira, na Coruña, polo seu traballo “Gardería Picariños S.Coop.Gallega”.

O premio ao mellor proxecto empresarial cooperativo está dotado con 3.000 euros que se repartirán entre os alumnos integrantes da iniciativa e unha viaxe para visitar experiencias cooperativas por un valor máximo de 1.000 euros para o profesor- director dos proxectos finalistas. Así mesmo, os dous proxectos finalistas recibirán 1.000 euros para os alumnos participantes e 300 euros en cheques para libros a cada un dos profesores-directores.

Os galardóns se entregan ao longo dunha cerimonia na que se conmemora o Día do Cooperativismo Galego, que neste ano trasládase de data para coincidir co Día Internacional do Cooperativismo, é dicir, o 1 de Xullo.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Traballo da Xunta de Galicia