Skip to main content

Traballo comprométese a apoiar o plan industrial da Fábrica de Armas da Coruña

O conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, mantivo unha xuntanza de traballo con directivos de General Dynamics Santa Bárbara Sistemas, que lle expuxeron as liñas principais do plan de futuro da Fábrica de Armas da Coruña.

O titular de Traballo valorou moi positivamente tanto o encontro como o plan presentado xa que, xa que se trata dunha diversificación interna dun grande valor engadido e innovación tecnolóxica que lle reportaría a Galicia participar nun dos sectores tecnoloxicamente máis avanzados e en continua evolución tanto no sector civil como no militar.

Varela asegurou que este plan industrial “consolida Santa Bárbara” ao garantir o mantemento da produción tradicional e abrir novas liñas de traballo que “poden ser moi importantes para Santa Bárbara, para o seu futuro e para o futuro tecnolóxico e industrial de Galicia”. Esta dobre cuestión é segundo o conselleiro fundamental, xa que “estamos falando dunha empresa na que houbo serias dúbidas do seu mantemento nos últimos tempos” e con este plan garántese o mantemento dos postos de traballo.

Así mesmo o máximo responsable de Traballo da Xunta de Galicia mostrouse confiado en que con este plan se produza un incremento do número de traballadores, de entorno a un 20-30% nos próximos anos, e salientou que tal incremento correspondería a unha produción especializada “xa que estamos falando de produción de alta tecnoloxía que require un persoal de enxeñería e profesionais moi cualificados que permita crear ese desenvolvemento en Galicia da tecnoloxía relacionada coa aeronáutica que sería bo que se abrira esa porta en Galicia”.

O conselleiro recalcou que dende a Xunta de Galicia, “estamos moi interesados en apoiar o plan industrial de Santa Bárbara, unha empresa moi importante para Coruña é tamén para Galicia. Por unha banda, porque temos interese na concreción do deseño, por parte da empresa, da carga de traballo respecto aos productos tradicionais, ao armamento de lixeiro, ao armamento medio, e aos blindados, e todo o que lle da o seu peso a Santa Bárbara, pero tamén estamos moi interesados na nova liña que se abre na industria aeronáutica, na industria de motores para a aviación, onde esta empresa pode sentar en Galicia unha primeira célula para o desenvolvemento industrial tecnolóxico dentro dunha área tan pequena, como a é a aeronáutica”.

O conselleiro trasladou aos directivos de Santa Bárbara o total apoio co que vai contar a empresa dende o seu departamento e a Xunta de Galicia, para a posta en marcha deste plan industrial, e ofreceuse como mediador na colaboración con outras administracións xa que “parece que o plan conta cun consenso e un acordo amplo dos sindicatos na fábrica e polo tanto, se precisa do apoio e intermediación da Consellería con outras institucións, como pode ser o Ministerio de Defensa ou o Concello da Coruña, pois estamos en disposición de colaborar para manter esa actividade e incrementala, dende o punto de vista dos postos de traballo, no futuro”.

Segundo lle explicaron os representantes da multinacional este novo plan se poría en marcha probablemente no prazo dun ano. Así, Varela recoñeceu que o que precisa o plan “é un acordo amplo de todas as partes, é dicir, da empresa, dos sindicatos, que creo que están respaldando este novo plan industrial, e as administracións, Xunta de Galicia e Ministerio de Defensa”.

Con respecto a unha posible reubicación da planta da Coruña o responsable de Traballo asegurou que se a fábrica precisa de novas instalacións para mellorar a súa aplicación e efectividade Traballo se ofrecerá para solicitar a colaboración do concello herculino para acadar tal fin, e nese caso, Varela mostrouse convencido da total colaboración do concello herculino.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Traballo da Xunta de Galicia