Skip to main content

A iniciativa lexislativa popular para a protección, conservación e mellora dos ríos galegos, aprobada definitivamente no Parlamento de Galicia

Na historia do Parlamento Galego era a primeira iniciativa lexislativa popular, con texto de lei, en ser tomada en consideración. Esta Iniciativa Lexislativa Popular quedou aprobada definitivamente polo Parlamento Galego cos votos a favor dos tres grupos parlamentarios, BNG, PSOE e PP, convertíndose tamén na primeira proposición de Lei de iniciativa lexislativa popular en ser aprobada polo Parlamento Galego

A Comisión Promotora desta ILP, -en nome das asociacións, sindicatos e partidos políticos que teñen suscrito esta iniciativa; en nome de todos e todas os que teñen axudado á recollida de sinaturas e en nome dos case 40.000 electores e electoras que co seu voto fixeron posíbel que esta iniciativa chegase ao Parlamento-, queremos expresar a nosa máis sinceira satisfacción pola aprobación dun texto de Lei que, a partir dagora, obriga ás administracións públicas galegas á garantir a protección, conservación e mellora do “patrimonio natural fluvial, incluíndo a biodiversidade da flora e da fauna dos ríos galegos, así como o patrimonio etnográfico e histórico relacionado.”

Á vista do texto que a Comisión segunda, -de Ordenación Territorial, Obras Públicas, Meio Ambiente e Servizos-, trasladou ao Pleno do Parlamento, para logo de ser debatida no día de hoxe e aprobada por unanimidade, a Comisión Promotora da ILP valora moi positivamente  que o BNG, integrante desta Comisión Promotora, non presentara ningunha enmenda ao texto orixinal, así como o traballo realizado polo resto da Comisión durante o trámite de ponencia interpretando con acertada sensibilidade os obxectivos da iniciativa lexislativa:

-Logrouse, por unha parte, millorar en moito as enmendas que inicialmente tiñan presentado os grupos parlamentarios do PSOE e do PP;

-E por outra, conqueríuse incorporar ao grupo parlamentario do PP a esta iniciativa de Lei.

Temos que valorar tamén máis que positivamente a axilidade do Parlamento no trámite desta iniciativa, axilidade que nós queremos interpretar como o compromiso inequívoco de todo o Parlamento e tamén do governo Galego cunha política hidraúlica que, como queda recollido no artigo primeiro da Lei, fixa as súas prioridades, non na promoción dos graves impactos dos aproveitamentos hidroeléctricos, senón na protección, conservación e mellora do patrimonio natural dos nosos ríos.

A partir de agora os ríos galegos contan cunha Lei que define novas prioridades e fixa novos obxectivos. A partir de hoxe teñen o Parlamento e o Governo Galego o compromiso de desenvolver esta Lei mediante a elaboración e aplicación dos Plans, programas e medidas que nela se recollen. Confíamos que a vontade do Parlamento e do governo galego, expresada nesta votación de hoxe, non tarde en facerse efectiva, empezando pola revisión do plan hidrolóxico e do sector hidroeléctrico, e continuando coa posta en marcha dos plans e programas de saneamento integral dos ríos e os plans de restauración e mellora dos ecosistemas fluviais que os novos plans hidrolóxicos han de recoller. Confiamos, en fin, en que, tanto dende o Parlamento como dende o governo galego, non falte sensibilidade para axilizar a posta en marcha da nova cultura da auga recollida na Lei nen falten tampouco os meios económicos cos que levala a cabo. Dende a comisión promotora da ILP seguiremos insistindo en que isto sexa unha realidade canto antes.


Adega