Skip to main content

Touriño e Espinosa amosan o seu firme compromiso co desenvolvemento rural de Galicia

O presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, reuniuse en Santiago coa ministra de Agricultura, Pesca e Alimentación, Elena Espinosa. Ao termo da xuntanza, Touriño e Espinosa ratificaron en declaracións aos medios de comunicación o firme compromiso de traballar conxuntamente a prol do desenvolvemento rural en Galicia. O presidente da Xunta manifestou que existe un compromiso conxunto entre ambas as administracións “para traballar na potenciación e no reequilibrio da Galicia interior”. Neste sentido, Pérez Touriño anunciou que se traballa no borrador de lei de desenvolvemento rural que potenciará o desenvolvemento da Galicia interior.

Neste sentido, esta mesma tarde a ministra asinará un convenio de colaboración coa Consellería do Medio Rural para a realización de actuacións en materia de desenvolvemento rural, en virtude do cal se destinarán 10 millóns de euros a sufragar, principalmente, obras de concentración parcelaria. Nesta liña, tamén se asinará un convenio coa Consellería de Medio Ambiente proximamente.

Fondos pesqueiros

Touriño sinalou que a entrevista con Espinosa se desenvolveu “nun día óptimo”, tras coñecerse a aprobación onte en Luxemburgo dos fondos pesqueiros que supoñen segundo dixo “abrir o camiño para a renovación e a modernización da flota pesqueira de Galicia, e en particular, da flota artesanal”.

Pola súa banda, Elena Espinosa subliñou que os fondos son froito dunha ardua negociación que tivo dous anos de duración “na cal tivemos que loitar para tratar de emendar temas que quedaran pechados no ano 2002 e que significarían un grave prexuízo para a flota española e principalmente para a flota galega”.

Tal e como explicou a ministra o acordo feito público onte permitiu incorporar axudas á actividade pesqueira para os xoves, temas de acuicultura, a renovación da flota ou melloras na calidade do tratamento do pescado ou as axudas a empresas mixtas. Por último, Espinosa destacou que o déficit que arrastrabamos medido en GTs de 30.000 toneladas xa foi saldado o cal permite que as axudas recibidas da UE poidan destinarse a outros fins.

En canto ás porcentaxes, Espinosa sinalou que o montante total vai ser aprobado proximamente na reunión do Colexio de Comisarios. A ministra non quixo adiantar contías exactas, se ben informou cunha seguridade case plena que “un de cada tres euros da UE vai vir para España”. “Se fixeramos un reparto, eu podo asegurar que Galicia vai mellorar porcentualmente a proporción que tiña no pasado”, matizou.

Plan lácteo

Emilio Pérez Touriño manifestou que está aberto un período de traballo de diálogo ente a Xunta e o Ministerio que dirixe Espinosa para enfocar o tema da reestruturación do sector lácteo “desde unha posición clara pola súa parte” que é a de apoio pleno á mellora da produción láctea e a mellora das condicións da produción do leite para a posterior transformación e comercialización por parte de Galicia. “Nunca aprobaremos un plan lácteo que vaia en contra de Galicia porque Galicia é a que maior peso ten no sector dentro do Estado”, remarcou Espinosa. “Como consecuencia, non vamos danalo senón todo o contrario”, apostilou.

Segundo Espinosa, “o que se pretende é que Galicia teña un sector forte, que poida ser competitivo e avanzar na modernidade e sobre todo, xerando un valor engadido maior do que hoxe ten”, explicou. A ministra sinalou que o novo plan non diferirá en gran medida do anterior que si debe ser reaxustado por mor da nova normativa comunitaria, en vigor desde o 1 de xaneiro. A pesar disto, Espinosa afirmou que se manterán os criterios definidos como prioritarios e que pasan por ocuparse dos xoves, as mulleres, as zonas desfavorecidas e “calquera criterio de tipo social que se queira adoptar dende a comunidade”.

A ministra manifestou a súa disposición de seguir traballando porque agora o proxecto está nunha fase informativa, e avanzou como medidas para o futuro o traballo a prol de explotacións potentes que creen grupos industriais ou explotacións que se asocien en cooperativas promovendo novos produtos cada vez máis competitivos.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia