Skip to main content

Convocadas as axudas para ampliación e perfeccionamento de estudos no audiovisual

O Diario Oficial de Galicia vén de convocar as bolsas para a ampliación e perfeccionamento de estudos no eido audiovisual. Os interesados en acceder a estas axudas teñen ata o 20 de xullo para presentar a solicitude. As bases da convocatoria poden obterse na sede do Consorcio Audiovisual de Galicia, en Compostela, ou na páxina web www.consorcioaudiovisualdegalicia.org. O obxectivo último desta acción, promovida polo Consorcio Audiovisual de Galicia, é o de fomentar a formación para consolidar a profesionalización do sector audiovisual galego, a través da capitalización dos recursos humanos endóxenos.

Para acadar este obxectivo, convócanse bolsas por unha contía global de 30.000 euros. Ao longo dos tres anos anteriores nos que se teñen convocado estas axudas un total de 36 persoas puideron realizar actividades formativas en centros do territorio nacional ou, mesmo, no estranxeiro.

As actividades formativas apoiadas prevén a realización de estudos en mestrados en artes dixitais, programas de dirección de empresas audiovisuais, cursos de guionización, cursos de especialización en comunicación audiovisual ou animación, estudos de dirección cinematográfica, de realización e produción de vídeo, cine e televisión, formación actoral, xestión audiovisual ou estudos de son, entre outros asuntos.

Quedan excluídos os estudos destinados á obtención dunha licenciatura, diplomatura ou título de doutoramento.

Os estudos que se realicen deberán rematarse dentro do primeiro trimestre do exercicio de 2007 e poderán optar ás axudas aqueles que comezaran no último cuadrimestre do ano 2005 en adiante.

Este programa de axudas está incluído dentro do Plan de Promoción do Consorcio Audiovisual de Galicia e é pioneiro no ámbito de todo o Estado. Así, favorécese que Galicia siga a ser referente dentro de España e, mesmo no estranxeiro, no desenvolvemento do sector audiovisual.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia