Skip to main content

Touriño anuncia que se modificará o réxime electoral galego para os vindeiros comicios autonómicos

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño comprometeuse a que a cámara galega modificará o réxime electoral para as eleccións autonómicas. “A cámara, dende a maioría parlamentaria, terá feitos os deberes para os comicios autonómicos e modificaremos o noso propio réxime electoral”, salientou. A este compromiso Pérez Touriño engadiu o de garantir o voto dos emigrantes en urna que é segundo indicou “como se vota en democracia de maneira regular”. Neste senso, Touriño indicou que o Goberno galego traballa de forma conxunta coa Administración central “para acelerar ao máximo posible” a tramitación da norma que permita garantir o voto dos emigrantes en urna e mellorar de xeito substancial a situación existente.

Tal e como explicou o presidente galego, o estatuto dos cidadáns españois no exterior actualmente en fase de tramitación no Congreso dos Deputados, “debe respostar a estas demandas e recollerá o dereito do voto en urna” para o que se habilitarán os medios materiais e técnicos necesarios. Constitúe como salientou o titular do Goberno “un gran paso adiante para afrontar de xeito integral, global, horizontal e decidido dereitos ata agora moitas veces esquecidos” .

Neste sentido, Touriño explicou que a Xunta puxo en marcha un grupo de traballo que estuda o xeito de pór en marcha os mecanismos necesarios para garantir o voto en urna a través do estudo das concentracións de poboación emigrante nas demarcacións consulares que conten con residentes galegos no exterior. Así, “gañaremos tempo para cando teñamos a modificación do Goberno central en vigor”, indicou Touriño.

O presidente anunciou ademais que dende a secretaría xeral de Emigración se vai difundir o Manual sobre o voto dos galegos e galegas residentes no exterior no que se explicarán as modalidades de voto para os emigrantes en cada unha das distintas convocatorias electorais. Preténdese así, “garantir plenamente a transparencia do exercicio do voto”, subliñou.

Dereitos dos mariñeiros

En canto aos galegos embarcados nos buques de altura a longa distancia, o máximo mandatario galego explicou que a Xunta “colabora activamente” co Goberno central para garantir e cumprir de xeito que se vexa recoñecido o dereito deste colectivo. Neste senso explicou que se está a traballar en colaboración co Ministerio de Asuntos Exteriores, o do Interior,Correos e a Oficina do Censo Electoral que son os encargados de acometer a reforma.

Touriño explicou ademais a construción no mes de xullo por parte do actual goberno dun grupo de traballo que analiza a problemática do exercicio de voto deste tipo de poboación mariñeira para levar a cabo as correspondentes modificacións normativas que permitan o exercicio do voto. “O goberno galego colabora activamente co central para garantir e cumprir o acordo de goberno da Xunta de maneira que o colectivo vexa garantido o seu dereito en democracia” indicou Touriño.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia