Skip to main content

Emigración participa nun proxecto transnacional entre Galicia e Italia para promover o acceso ao mercado de traballo de grupos migrantes desfavorecidos

A Secretaría Xeral de Emigración, co obxectivo de promover o acceso ao mercado de traballo dos grupos migrantes desfavorecidos, participa no Proxecto EDEN, unha iniciativa de carácter transnacional que contempla un programa de actividades conxuntas, neste caso entre Galicia e a rexión italiana de Molise (as dúas Obxectivo 1), de cara a propiciar a creación de empresas sociais usando modelos e prácticas formativas entre persoas emprendedoras.

O proxecto, que foi presentado polo secretario xeral de Emigración, Manuel Luís Rodríguez, ten un orzamento inicial de 160.620 euros e nace da colaboración dos programas Convive+ e Parco Sociale Delle Opportunita, e mediante a cooperación entre os socios permitirá realizar un intenso intercambio de información e experiencias que deriven en “accións conxuntas dirixidas a mellorar a situación dos colectivos implicados”, sinalou Rodríguez. Entre as medidas a desenvolver están a creación de novas figuras profesionais, como é o caso do case-manager en Italia e o axente de mediación intercultural en Galicia, a formación como medida de acceso ao emprego, a aplicación intensiva das novas tecnoloxías ou a realización de diferentes estudos e investigacións.

O obxectivo básico do plan de traballo transnacional é o enriquecemento das actuacións propostas nos plans de traballo nacionais, a partir do intercambio de información e experiencias e o traballo conxunto en torno a accións, estratexias e políticas vinculadas aos colectivos de persoas inmigrantes e emigrantes retornados.

Axentes de mediación intercultural

Os obxectivos acadaranse a través da posta en marcha de actuacións entre as que se contempla: a elaboración dunha análise da contribución da economía social á integración social e o autoemprego dos colectivos migrantes, como mecanismo de soporte e integración na sociedade de acollida; a creación dun espazo web para obter información acerca dos diferentes proxectos que estean realizando as diferentes entidades; e o intercambio de axentes de mediación intercultural coa fin de aproximar a outras realidades sociais a ditos axentes.

O Proxecto EDEN (siglas inglesas de “entrar pola porta da aprendizaxe”) concibe aos colectivos migrantes como verdadeiros axentes de internacionalización, modernización e diversificación da economía, tanto polo enriquecemento sociocultural que poden arrastrar como pola utilización das súas redes sociais para a potenciación comercial de empresas autóctonas.

Os proxectos nacionais galego (Convive+) e o italiano (Parco Sociale Delle Oportunita) teñen como finalidade o fomento de empresas, sobre todo de economía social, entre emigrantes retornados e inmigrantes, e a intervención sobre aos colectivos máis desfavorecidos, respectivamente. Por outra parte, as rexións participantes no proxecto (A Coruña e Pontevedra por Galicia, e Molise por Italia), comparten problemáticas de desenvolvemento territorial moi semellante, xa de tipo laboral, cultural, medioambiental e demográfico.

Facilitar a integración

Manuel Luís Rodríguez sinalou que “é fundamental asumir que os movementos migratorios e a diversidade cultural constitúen un feito histórico inevitable que implica unha serie de obrigas por parte da sociedade de acollida”. O tratamento desta diversidade ten que partir dos valores de xustiza e respecto da dignidade e das persoas migrantes como marco de referencia para a orientación das intervencións públicas, polo que partindo desta premisa o Goberno “promoverá as condicións sociais e laborais que faciliten a efectiva integración das persoas inmigrantes e retornadas a Galicia”.
Gabinete de Comunicación da Secretaría de Emigración da Xunta de Galicia