Skip to main content

Quintana di que os mestres foron un dos colectivos máis represaliados na Guerra Civil porque os golpistas temían a forza das súas palabras

Para o vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, ninguén encarnou coma os mestres a defensa da liberdade, a igualdade entre homes e mulleres, o laicismo, o federalismo e o respecto dos dereitos humanos, durante a Guerra Civil e a ditadura. O vicepresidente da Xunta, falaba deste xeito no acto de homenaxe, celebrado no Museo Pedagóxico de Galicia, aos docentes galegos fusilados e represaliados na Guerra Civil e na posterior ditadura.

Segundo o vicepresidente, os mestres foron un dos colectivos que máis sufriu a represión porque eles representaban as luces da razón, o libre pensamento e a cultura e porque os golpistas sabían que a súa forza non estaba nos fusís, senón na palabra e nas ideas.

O vicepresidente da Xunta manifestou que a declaración do 2006 como o Ano da Memoria é unha homenaxe do Goberno aos represaliados, unha reivindicación e un chamamento para lembrar o que pasou e homenaxear aos que padeceron a barbarie, que tiveron que sufrir unha dobre inxustiza, a dos actos en si mesmos e a de condenalos ao esquecemento.

Quintana referiuse ás persoas que perderon a vida ou foron represaliados como heroes que defenderon a liberdade, a democracia e unha escola laica, obrigatoria e de balde que sacara ao país do atraso e da ignorancia, así que o mínimo que se pode facer é lembrar o que aconteceu. Deste xeito, apostilou Quintana, a memoria servirá para, en certa forma, enmendar a inxustiza porque “recordalos e homenaxealos é un xeito de mantelos vivos e de manter vivos os seus valores”

No seu discurso, Anxo Quintana defendeu que a historia dun país forma parte do seu patrimonio e por iso, é necesario levar a cabo iniciativas como as que a Consellería de Cultura está desenvolvendo no marco do Ano da Memoria, e en concreto, o traballo de investigación sobre a represión en Galicia durante a guerra civil, que realizarán investigadores das tres Universidades galegas, a creación do Centro da Memoria na Illa de San Simón e a celebración de congresos, exposicións e proxeccións sobre estas temáticas. Con actos coma estes, segundo Quintana, non se trata de abrir vellas feridas, senón de cicatrizalas de verdade ao tempo que se reivindica o dereito dos pobos a coñecer a súa historia.
Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia