Skip to main content

O CIMA levou a cabo 18 grandes proxectos de investigación mariña durante o ano 2005

A conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego Calvar, presentou a memoria anual de actividade do Centro de Investigacións Mariñas de Vilanova de Arousa e o Centro de Cultivos de Ribadeo, dependentes ambos da Consellería de Pesca. A
publicación, que acaba de ser editada pola Xunta, recolle as actuacións realizadas polo CIMA no 2005 en materia de formación e asesoramento, e recopila os estudos científicos levados a cabo polo seu persoal en catro eidos: a acuicultura, a xestión e protección dos recursos mariños, a oceanografía e a patoloxía de especies mariñas.

As liñas de investigación realizadas dentro da área de acuicultura xiraron fundamentalmente en torno a catro proxectos: o estudo e produción da semente de navalla e longueirón, o cultivo do besugo (a súa reprodución no
medio natural e o engorde nas xaulas flotantes), a repoboación de rodaballo na Costa da Morte, así como o desenvolvemento eficiente dos minicriadeiros e o preengorde da semente de ameixa. Por outra banda, os expertos da Consellería de Pesca levaron a cabo estudos sobre as patoloxías do berberecho, novas técnicas de identificación de enfermidades na ostra e a
ameixa, ademais dun proxecto para identificar de forma rápida e precisa as larvas do mexillón na auga do mar.

O pasado ano, o persoal do CIMA tamén traballou na recuperación das zonas de libre marisqueo de O Bohido e os Lombos do Ulla, na investigación de procesos de depuración de toxinas en mexillón e navalla, así como no estudo de protocolos de actuación ante a contaminación mariña.

Máis de 845.000 euros destinados á investigación

Segundo indica a memoria presentada hoxe, no 2005 destináronse máis 845.000 euros a proxectos de investigación de carácter rexional, nacional e europeo. Ademais, o CIMA realizou un total de 51 informes científico-técnicos para a Administración e o sector, principalmente para as confrarías de pescadores e asociacións de produtores adicadas a explotar
os recursos pesqueiros.

Por outra banda, e aínda que a función principal do centro é a investigación mariña aplicada, tamén se desenvolve un importante papel en labores de docencia e formación. Neste sentido, durante o exercicio do 2005, un total de 18 profesionais entre técnicos e titulados superiores gozaron de becas de especialización.

Colaboración con centros de investigación nacionais e estranxeiros

Para levar a cabo algúns dos seus proxectos, o Centro de Investigacións Mariñas colabora habitualmente con diversos organismos e entidades de Galicia como son o IEO de Vigo, o Consello Regulador do Mexillón, o Intecmar, o Cetmar ou as tres Universidades galegas. Asimesmo, son frecuentes as colaboracións con centros doutras comunidades autónomas como
Cataluña, Canarias, Asturias, Andalucía ou Murcia, e mesmo doutros países como Irlanda, Francia, Portugal, Noruega ou Chile.

Finalmente, como resultado da investigación levada a cabo ao longo do ano, presentáronse en congresos, foros e siminarios un total de 57 traballos así como 32 publicacións en revistas científicas, 18 delas de carácter internacional.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia