Skip to main content

A Egap organiza unha xornada sobre calidade e cartas de servizos na Administración local

A Escola Galega de Administración Pública (EGAP), coa colaboración da Dirección Xeral de Administración Local e o Instituto de Gestão e Administração Pública portugués, organiza unha Xornada sobre calidade e cartas de servizos na Administración Local. Esta actividade, que ten lugar o día 12 de xullo na sede da EGAP, está dirixida a persoal ao servizo das Administracións locais galegas e portuguesas, persoal da Xunta de Galicia, profesionais, universitarios e persoas interesadas en xeral.

Esta iniciativa pretende servir de complemento ao proceso de implantación do sistema de cartas de servizos nas entidades locais que participan no proxecto E-Qualitas, tratando de facer de ditas cartas unha ferramenta de mellora continua na prestación de servizos nestas entidades. Así, o seu obxectivo é potenciar a capacidade do persoal da Administración Local e promover o desenvolvemento das súas competencias e habilidades mediante a utilización dos últimos avances en materia de xestión da calidade na prestación de servizos públicos.

Na xornada trataranse temas como a implantación de instrumentos de calidade e novas tecnoloxías na Administración local; a xestión pública local en Galicia e no norte de Portugal; a avaliación conceptual dos sistemas de xestión de calidade; e a implantación de sistemas de xestión de calidade nas entidades locais. Ademais, presentaranse dúas cartas de servizos, dun concello galego e do municipio de Chaves.

Participantes

Entre os relatores que toman parte nela atópanse Manuel Blanco Eire, técnico da Dirección Xeral de Administración Local e coordinador do proxecto E-Qualitas; Enrique Varela Álvarez, profesor de Administracións Públicas Contemporáneas da Universidade de Vigo; José Luis Mera Souto, auditor de xestión e calidade da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación das Políticas Públicas; e Nazaré Teixeira, técnica superior do Municipio de Gondomar e ex-secretaria do Goberno Civil do Porto.

Esta xornada forma parte das actividades previstas no proxecto E-Qualitas de Implantación de instrumentos de calidade e novas tecnoloxías na Administración Local: contidos de innovación, que está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do subprograma Galicia-Norte de Portugal da iniciativa comunitaria Interreg III A.

O prazo de inscripción para participar nela está aberto ata o 10 de xullo, e as solicitudes, cuxo modelo se pode atopar no Diario Oficial de Galicia nº121 (do 26 de xuño) deben presentarse no rexistro xeral da EGAP.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia