Skip to main content

O presidente da Xunta destaca a contribución de Caixanova ao desenvolvemento económico, social e cultural de Galicia

O titular do Goberno galego, Emilio Pérez Touriño, recibiu no seu despacho de Monte Pío a Julio Fernández Gayoso, presidente de Caixanova, que veu acompañado de José Luis Pego Alonso, recentemente nomeado director xeral desta entidade financeira e ao que o presidente do Goberno galego tivo a oportunidade de saúdar persoalmente, logo da súa toma de posesión como director xeral. No decurso da xuntanza, Touriño referiuse ao potencial desta caixa galega e á súa contribución ao desenvolvemento económico, social e cultural de Galicia a través, tanto de iniciativas no ámbito financeiro e empresarial, como doutras realizadas nas esferas cultural e social ou nas áreas de formación, a través basicamente da súa obra social.

O presidente da Xunta salientou, logo da xuntanza, que os eixes que sustentan a obra social de Caixanova son coincidentes coas políticas básicas do Goberno galego, que teñen no eido social o seu piar fundamental. Neste sentido, indicou que a obra social de Caixanova, ademais de estar dedicada á promoción cultural e á formación intelectual, tense caracterizado por apoiar os sectores produtivos principais de Galicia, e por fomentar o emprego e a asistencia social na comunidade.

Finalmente, o titular da Xunta desexou o mellor dos éxitos tanto a Fernández Gayoso como a Pego Alonso nesta nova etapa que emprende a entidade financeira e emprazou a ambos os directivos a seguir potenciando o perfil e a singularidade propias desta caixa galega.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia