Skip to main content

Quintana advirte a Feijóo que se lle acaba o tempo e o convida a sumarse para que Galicia teña un Estatuto de primeira

O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, advertiulle ao PP nunha entrevista concedida á Radio Galega, que se lle acaba o tempo e ten que tomar unha decisión respecto do proceso de reforma do Estatuto galego. O vicepresidente da Xunta, a poucos días do debate parlamentario extraordinario sobre a reforma, amosouse hoxe disposto a “ofrecerlle coartadas” ao líder dos populares galegos para que se sume ao acordo sobre criterios asinado por BNG e PSdeG para que Galicia teña un Estatuto de primeira categoría que a equipare a Euskadi e Cataluña.

O Vicepresidente da Xunta fixo ademais balance do ano transcorrido dende as eleccións autonómicas do 19 de xuño de 2005 e asegurou que o cambio que os cidadáns galegos elexiron nas furnas “se percibe no fondo e na forma”. Segundo dixo Quintana, Galicia ten agora un goberno que foi quen de “reanimar” ao país, que ata hai un ano tiña un “goberno preguiceiro” que “contaxiaba” esta actitude á sociedade. Agora, pola contra, o vicepresidente asegurou que hai un Goberno “que goberna, que está próximo aos cidadáns”.

Segundo repasou o vicepresidente, nestes 9 meses o bipartito “tomou mais decisións que os gobernos de Fraga nos últimos 9 anos”. Entre outras cuestións, Quintana lembrou que este goberno ten retomado o diálogo social para elaborar un plano de emprego, puxo en marcha o pacto local, a gratuidade das peaxes de Rande e A Barcala, a gratuidade dos libros de texto, un novo plan galego de vivenda “pensando na xente e non no ladrillo”, un novo plan eólico e unha auténtica “revolución tranquila” dos asuntos sociais, marcada pola constitución do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar cos concellos e a Sociedade Galega de Servizos Sociais coas caixas de aforros.

Por todas estas medidas postas en marcha, o vicepresidente considerou “normal” que o PP crea que hai mais dun goberno, polo ritmo ao que se toman decisións. Quintana restou importancia ás supostas discrepancias das que se fala respecto do Goberno galego, afirmando que as posibles diferencias no seo do Executivo se resolven “con diálogo e responsabilidade”.

Lembrou que é normal que existan algunhas diferencias, posto que se trata dun goberno formado por dúas forzas políticas diferentes, pero lembrou que hai un acordo de goberno que é un auténtico contrato cos cidadáns galegos “e os nacionalistas somos xente de palabra e imos a cumplir ese contrato”.

Reforma estatutaria

O vicepresidente da Xunta dixo na Radio Galega que está convencido de que Galicia terá “un estatuto de nación”, pero reiterou que “ten que ser de todos ou non será”. Quintana referiuse ao “acordo de criterios” asinado a pasada fin de semana entre PSdeG e BNG para o novo Estatuto galego, “para asegurarnos de que Galicia teña un Estatuto de primeira”. Por iso calificou este acordo coma “un grandísimo paso adiante”.

Explicou que o acordo establece uns criterios básicos para o novo Estatuto coma o recoñecemento do carácter nacional de Galicia, a necesidade de que o país teña un marco competencial reforzado e blindado, un novo modelo de financiamento establecido mediante unha negociación bilateral co Estado, un estatus para a nosa língua de igualdade co castelán, a nosa presencia directa nas instancias europeas e fixar con claridade e “blindar” o investimento do Estado en Galicia.

O vicepresidente amosouse convencido de que os grupos poderán chegar a un acordo no Parlamento a este respecto e animou ao PP a que “si se fixa no que pensan os seus votantes” se sume a este acordo para elaborar o novo Estatuto galego. Para iso Quintana amosouse interesado en “ofertarlle coartadas” ao líder do PP galego para que se sume ao acordo porque “é necesario que Galicia teña un Estatuto de nación, é posible facelo”. Para iso díxolle ademais a Núñez Feijóo que se ten que desmarcar da estratexia de “extrema dereita” do PP de Madrid.

Respecto ao pagamento da débeda histórica que o Estado ten con Galicia, o vicepresidente da Xunta sinalou que “si somos capaces de que o Estatuto o recolla”, en referencia ao 8 por cento dos investimentos estatais, eso será unha lei orgánica e “o Estado quedará obrigado por lei”. Segundo explicou o vicepresidente, o cálculo é que estes investimentos acaden uns 1.800 millóns de euros anuais, que sumados aos acordos acadados no caso da Lei de Dependencia, en sanidade e en educación sumarían os 21.000 millóns de euros dos que os nacionalistas galegos “levamos falando tempo” á hora de cifrar esta débeda histórica.

Política enerxética

Ademais Quintana referiuse á polémica sobre a enerxía xerada esta semana no país, asegurando que “non é unha guerra entre o Goberno galego e as empresas do sector”. Sinalou que se trata “dunha cuestión de país” o feito de que a enerxía que se produce en Galicia beneficie aos galegos e ás galegas e amosouse “satisfeito” con que se teña suscitado este debate “porque é algo que o nacionalismo galego dixo sempre”. Ata agora Quintana destacou que non era así, pero agora asegurou que “parece que hai moita xente disposta a defender esta tese, unha demostración de que construímos país”.

Segundo dixo Quintana, con debates coma este evidenciase que “o nacionalismo gaña a batalla das ideas”. Quintana explicou que Galicia é “un país rico e con posibilidades” e por iso apostou por aproveitar este potencial no noso propio beneficio. Respecto da posible deslocalización empresarial, o vicepresidente sinalou que é un fenómeno que se está a dar en todas partes, que evidencia unicamente unha dinámica empresarial que depende dos fluxos económicos. Por iso apostou por “aproveitar as oportunidades e non só chorar”.

Neste senso Quintana destacou que a Galicia se lle abre a posibilidade de que a ampliación das empresas provoque que se radiquen no país as fases de produción que provocan mais valor engadido, por iso explicou que o Goberno galego está a apostar pola innovación e facendo ademais un especial esforzo en formación. “O futuro con traballo é optimista”, acrecentou o vicepresidente.

Respecto da polémica xurdida nos últimos días coa política de vivenda e a bolsa de alugueiro, o vicepresidente reiterou que respecta a labor da oposición de fiscalización do goberno pero pediulles que as súas críticas estean “sustentadas na realidade”. Quintana dixo que cos datos na man nos 9 meses de goberno do bipartito a Consellería de Vivenda calificou o doble de vivendas protexidas que o goberno do PP nos seus dous últimos anos de mandato. “O problema da vivenda en Galicia son os 1.500 expedientes fraudulentos e o burato de 900 millóns de euros que deixou o PP e que Feijóo ten que explicar”, sentenciou Quintana.
Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia da Xunta de Galicia