Skip to main content

Primeira asistencia galega ao mercado internacional de documentais na Rochelle, o Sunny Side of the Doc

Trátase do Sunny Side of the Doc, que ten lugar na cidade francesa de La Rochelle entre o 27 e o 30 de xuño. O stand está integrado no espazo chamado “European Spot”, con outras delegacións como Catalan Films & TV, Niniak do País Vasco e PromoMadrid.

O Sunny Side of the Doc é un dos mercados de documentais máis importantes de Europa, no que se facilita o encontro entre compradores, produtores, periodistas e profesionais de todo o mundo, e ten lugar no edificio “The Space Encan”(10.000m2), moi preto do centro histórico da cidade. Para esta edición xa están confirmados como asistentes máis de 370 profesionais e unhas 1.800 compañías de todo o mundo.

O principal obxectivo do Consorcio Audiovisual de Galicia no Sunny Side é actuar como apoio ás compañías que asisten ao mercado, Ficción Producciones e Isabella Audiovisual, habilitando unha infraestrutura adecuada que facilite o encontro entre profesionais e a presentación de proxectos realizados en Galicia. E, ao mesmo tempo, a través de Galicia Film Commission, potenciarase a imaxe da nosa terra como centro de produción audiovisual.

A asistencia ao Sunny Side permitirá entrar en contacto aos profesionais galegos cos principais axentes do panorama internacional, compradores, axentes de ventas e coprodutores, que poderán coñecer dun modo directo a ampla oferta de contidos producidos en Galicia, así como sentar as bases de posibles relacións de coprodución que facilite a realización de proxectos conxuntos.

Esta presenza no Sunny Side está enmarcada no Plan de Internacionalización do Audiovisual Galego posto en marcha hai máis de un ano polo Consorcio Audiovisual de Galicia. Consciente do notable crecemento que o audiovisual galego experimentou na última década (segundo os datos de Audiovisual Galego 2003, nun 243% só para o período 1994-2001) e prevendo que para manter este crecemento é necesario incrementar os niveis de exportación, o Consorcio estableceu unha serie de medidas para promover a promoción e a comercialización do audiovisual galego. Entre outras medidas, ademais de estar presente nos principais mercados internacionais cun stand institucional, os produtores poden beneficiarse dun sistema de axudas automáticas, da Secretaría Xeral de Comunicación-Dirección Xeral de Comunicación, orientadas a fomentar e apoiar a asistencia de profesionais galegos a estes eventos.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia