Skip to main content

O Servizo de Gardacostas aúna esforzos co Ministerio de Pesca e a Garda Civil para combatir o uso de explosivos no mar

A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos mantivo unha xuntanza con
representantes de varias administracións que teñen competencia en materia
de protección e control dos recursos pesqueiros, co obxectivo de combatir o
uso da dinamita na pesca do cerco. Os delegados provinciais de Pesca, o
subdirector xeral do Servizo de Gardacostas de Galicia así como o xefe de
Servizo de Protección de Recursos reunironse con representantes da Garda
Civil e das subdelegacións de Goberno na Coruña e Pontevedra para analizar
polo miúdo a situación actual e ver qué medidas serían necesarias para
previr a utilización de explosivos no litoral de Galicia, sendo agora o
ciclo do ano no que a frota galega do cerco ten a súa maior actividade.

Froito deste encontro, todas as administracións acordaron incrementar a
vixiancia e as saídas ao mar, acompañando permanentemente aos pesqueiros e
facendo continuos controis en porto. Asimesmo, a Consellería de Pesca
realiza coa Secretaria General de Pesca Marítima inspeccións conxuntas
tanto en lonxa como en mar e o Servizo de Gardacostas de Galicia acompaña
de forma habitual á frota co obxectivo de controlar este tipo de
situacións. De feito, o buque remolcador Sebastián de Ocampo do Servizo de
Gardacostas emprégase habitualmente para levar a cabo este tipo de
vixiancia. Por outra banda, o departamento que dirixe Carmen Gallego
colabora activamente nesta materia con Seprona, o Servizo de Investigación
da Garda Civil e a Garda Civil do Mar.

A Consellería de Pesca lembra que a tenencia de explosivos constitúe un
delito penal e considera fundamental a concienciación do sector para abolir
estas situacións, xa que sen a súa colaboración resulta imposible erradicar
este tipo de prácticas totalmente ilegais e irresponsables. As actuacións
de vixiancia e control levadas a cabo polo persoal de Gardacostas forman
parte da política defendida pola actual Consellería de Pesca na procura dun
uso sostible do mar e da protección dos recursos pesqueiros.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia