Skip to main content

Traballo e Fegarte colaboran na prevención de riscos laborais dos traballadores das residencias da terceira idade

A Consellería de Traballo e a Federación Galega de Residencias da Terceira Idade (FEGARTE) asinaron un convenio de colaboración para o desenvolvemento das accións necesarias para mellorar as condicións de traballo en materia de prevención de riscos laborais, mediante accións de promoción, asistencia e cooperación técnica, información, divulgación, formación e investigación en materia preventiva.

A través da sinatura deste convenio poranse en marcha actividades de información e formación para os profesionais que desenvolvan tarefas de coidado de persoas maiores, a fin de integrar a prevención no método de traballo diario asumíndoa como algo intrínseco á actividade da empresa. Ademais, preténdese reforzar os obxectivos de responsabilidade, cooperación e participación que inspiran a Lei de Prevención de Riscos Laborais no seu conxunto.

Os sinistros laborais son unha lacra social que require unha resposta inmediata dos poderes públicos, polo que Traballo e FEGARTE consideran conveniente o establecemento de accións conxuntas para a mellora das condicións de traballo no eido da saúde e seguridade laboral.

Con este convenio preténdese acadar un mellor coñecemento tanto do alcance real dos riscos derivados do traballo, como da forma de prevelos e evitalos, adaptados ás peculiaridades dos centros de traballo e ás características das persoas que nel desenvolven a súa prestación laboral.

Para a prevención dos riscos específicos, realizaranse, por unha banda, catro xornadas técnicas dirixidas a empresarios e profesionais do sector de residencias da terceira idade. O programa de cada unha das xornadas centrarase na introducción ao sector xerontolóxico galego, na prevención de riscos laborais, nos riscos laborais no sector xerontolóxico, nas medidas a adoptar e control dos riscos e nas conclusións e melloras á situación actual.

Por outro lado, levaranse a cabo tres cursos básicos de prevención de riscos laborais, cunha duración de 30 horas cada un, dirixidos a traballadores de residencias da terceira idade interesados, cun programa centrado nos conceptos básicos sobre seguridade e saúde no traballo, nos riscos xerais e na súa prevención, nos riscos específicos e na súa prevención no sector correspondente á actividade da empresa, nos elementos básicos de xestión de prevención de riscos e nos primeiros auxilios.

Para o desenvolvemento das actividades recollidas no convenio, FEGARTE contará con preto de cinco meses, ata o 30 de novembro deste ano, e disporá dun orzamento de 24.300 euros, dos cales, 22.000 os aporta a Consellería de Traballo.

Tal e como se recolle no texto asinado, este convenio fomenta unha auténtica cultura preventiva mediante a mellora da educación, involucrando á sociedade no seu conxunto e, moi especialmente, aos profesionais e empregados vinculados ao coidado de persoas maiores.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Traballo da Xunta de Galicia