Skip to main content

A Consellería de Pesca e o sector comercializador buscan a mellora do sistema de venda polo miúdo de peixe fresco en Galicia

A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, a través da Dirección Xeral de Estruturas e Mercados da Pesca, organiza unha Xornada Técnica de “Venda polo Miúdo de Peixe Fresco en Galicia” que se desenvolve no Hotel Puerta del Camino de Santiago de Compostela. Con esta iniciativa preténdese mellorar o sistema de comercialización polo miúdo dos produtos frescos da pesca en Galicia e das rendas dos seus axentes.

A través desta xornada, que reúne a unha representación significativa do colectivo de vendedores minoristas de peixe fresco (comerciantes ambulantes, peixerías tradicionais, vendedores de prazas de abastos ou de grandes áreas comerciais) e a persoal da administración, quérense pór en común os problemas do sector e as súas posibles solucións, ao tempo que se lle presentan todas as accións que lle afectan no eido da comercialización, da seguridade e da calidade alimentarias, da regulación sanitaria ou da formación, tal e como viñan demandando.

O mercado do peixe fresco en Galicia en xeral, e do sector retallista en particular, non é alleo aos novos cambios producidos no mercado da alimentación. O incremento da importacia da calidade e da sanidade alimentarias é un deles, e supón a necesidade dunha mellor formación e información dos axentes implicados. É por isto que dende a Consellería de Pesca se están a levar a cabo accións formativas dirixidas ao estudo e avaliación de novos mecanismos de comercialización, á realización de accións dirixidas á apertura de novos mercados, á procura da mellora do tratamento dos produtos buscando un incremento na súa calidade ou á regulación da primeira venda e a comercialización.

Programa da xornada

O programa desta xornada comezou cunha ponencia sobre “A primeira venda e a comercialización dos recursos mariños en fresco: modificacións do Decreto 419/1993. A nova marca galega de calidade para a comercialización do peixe”. Ademais, tratouse a temática da “Calidade e seguridade alimentarias, unha aposta dos retallistas de produtos da pesca: trazabilidade, guía de hixiene e norma UNE” e a da “Regulamentación sanitaria: os novos regulamentos europeos. Os programas de formación en hixiene alimentaria: o certificado de manipulador de alimentos”. Outra parte do encontro estivo dedicada á presentación da “Oferta formativa da Consellería: cursos para vendedores polo miúdo de peixe fresco” e tamén á análise da “Evolución do sector e as perspectivas de futuro”. Finalmente, a actividade remata coa posta en común de ideas e a exposición de conclusións.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia