Skip to main content

Pérez Touriño anuncia a creación dunha Fundación de Innovación e Desenvolvemento Económico

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, anunciou a constitución, no mes de setembro, dunha “Fundación de Innovación e Desenvolvemento Económico” destinada a impulsar a competitividade das empresas galegas. Pérez Touriño recordou que “no seu día comprometín que desde o Goberno traballaríamos na idea de crear unha plataforma de innovación e desenvolvemento económico que da que formaran parte as tres universidades de Galicia, os propios líderes empresariais e tamén as propias entidades financeiras”. O titular do Goberno galego amosouse confiado en que esta Fundación, que coordinará os esforzos destes tres sectores” poderase poñer en marcha e empezar a traballar despois do verán.

O presidente da Xunta fixo este anuncio durante a inauguración das instalacións da planta Benteler no Parque Tecnolóxico e Loxístico de Valladares, en Vigo. Así mesmo, Pérez Touriño indicou que esta fundación ten como obxectivo integrar “os mellores esforzos de Galicia”, e traballar en tres direccións fundamentais: a internacionalización das empresas galegas, a cooperación industrial e impulso aos clusters, e o que representa todo o referido a innovación e competitividade.

O máximo mandatario galego referiuse á necesidade de crear unha rede de centros tecnolóxicos de referencia “que dean soporte e impulso a proxectos competitivos que incrementen o atractivo económico e tecnolóxico de Galicia, liderando proxectos en España e en Europa”. Por iso, e no marco desta iniciativa, o titular do Goberno autonómico anunciou a creación do Centro de Excelencia en Electrónica para Vehículos Intelixentes, que suporá un investimento aproximado de 50 millóns de euros e que estará operativo na primeira metade do ano 2008.

Touriño salientou que este Centro de Excelencia, “conxugando a participación das empresas, a Administración e os organismos públicos e privados de investigación” vaise constituír “como unha referencia a nivel europeo”, contribuíndo a consolidar o sector de automoción de Galicia “como un polo competitivo a nivel mundial”.

Sector da automoción

Emilio Pérez Touriño cualificou o sector da automoción como “un dos piares básicos da economía galega, un sector estratéxico do noso tecido industrial, un sector dinámico que está comprometido co desenvolvemento de Galicia”. O titular do Goberno galego salientou, así mesmo, o éxito e a capacidade competitiva a nivel internacional do sector galego da automoción, “que representa arredor do 20% do noso Valor Engadido Bruto Industrial e xera máis de 33.000 empregos directos”.

Pérez Touriño referiuse ademais a un dos valores nos que, ao seu xuízo, se fundamenta o sector da automoción para acadar o éxito actual: a cultura da cooperación e do aproveitamento de sinerxías, “unha cultura que –sinalou- favorece a integración e a colaboración entre os actores presentes na cadea de valor”.

Entre as experiencias nacidas desa cooperación Touriño sinalou a creación do clúster de empresas da automoción ou o Centro Tecnolóxico da Automoción, que permiten desenvolver ferramentas coma o Plan Estratéxico do Sector da Automoción, indispensable para encarar con éxito os retos que afronta o sector e para consolidarse nunha posición de liderado competitivo a nivel internacional.

Nesta liña, o máximo mandatario autonómico fixo fincapé nas medidas de apoio da Xunta ao sector do automóbil como as emprendidas a través do Igape. Sinalou a modo de exemplo o clúster car e outras destinadas a atraer novos proxectos de investimento, ademais do apoio financeiro ás empresas de automoción.

Melloras tecnolóxicas

Na súa intervención, o presidente da Xunta tamén explicou que o sector da automoción se soubo adaptar “con éxito” a unha nova realidade ao optar polas actividades de I+D+i como “factores fundamentais para preservar a competitividade e a xeración de valor”. A excelencia competitiva que amosou o sector a través da capacidade de cooperar “permitiu incrementar a produtividade das empresas mediante melloras tecnolóxicas que aseguran a concorrencia da empresa e unha presenza significativa nos distintos mercados”, sinalou Touriño.

Por iso, sinalou Pérez Touriño, consciente de que a incorporación plena á “moderna economía do coñecemento” é o futuro, a Xunta vai duplicar o esforzo investidor en actividades de I+D+i no marco desta lexislatura, cun plan de actuacións por valor de 800 millóns de euros para o período 2006-2010.

7 millóns de metros cadrados de solo empresarial

Por último, Pérez Touriño dixo ser tamén consciente da necesidade de impulsar o solo industrial para apoiar o desenvolvemento económico e industrial de Galicia en xeral, e en particular, da área de Vigo. Por iso anunciou que a plataforma loxística de Salvaterra- As Neves e os Parques Empresariais de Mos e Ponteareas, impulsados desde a Xunta, xunto co Parque de Nigrán tramitado pola Zona Franca de Vigo, porán a disposición das empresas unha importante bolsa de solo de 7 millóns de metros cadrados, destinada a satisfacer as necesidades máis inmediatas. O presidente da Xunta asegurou que a esta actuación se unirán outras nun futuro próximo.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia