Skip to main content

O presidente da Xunta chama a concellos, deputacións e asociacións a camiñar xuntos pola plena integración dos inmigrantes

O titular do Goberno galego, Emilio Pérez Touriño, apostou por que concellos, deputacións, asociacións de inmigrantes e Goberno autonómico “camiñen xuntos cara a meta da plena integración dos inmigrantes na sociedade de acollida”, sobre a base de que a inmigración e o retorno “son oportunidades, non ameazas”.

Pérez Touriño explicou na súa intervención que os movementos de poboación existiron sempre “e non se van deter”. Tendo en conta isto, aclarou que “non teñen sentido e menos en Galicia” os discursos interesadamente alarmistas sobre esta cuestión. “A inmigración é un fenómeno que require de políticas integrais e transversais para que se produza dun xeito normalizado polo que é preciso marcar unhas liñas de consenso básicas para abordar este fenómeno en toda a súa amplitude e complexidade”, precisou.

O presidente galego presidiu a inauguración no Consello da Cultura Galega do congreso internacional Galicia: éxodos e retornos onde incidiu en que Galicia se está a converter nun país “máis de retornos que de éxodos”, e nun país receptor e xa non exportador de emigración, polo menos coas dimensións e condicionantes que se produciu historicamente na comunidade.

Conmemoración

Esta reunión científica arredor dos movementos migratorios ten, segundo Touriño, “unha significación moi especial”, xa que conmemora un encontro similar, que foi o primeiro Congreso da Emigración Galega celebrado en Bos Aires hai cincuenta anos. Dobremente especial, se temos en conta que aquel congreso conmemoraba á súa vez o centenario do Banquete de Conxo, un feito de grande alcance simbólico na historia de Galicia.

O titular do Goberno galego explicou que ambos os congresos teñen en común que constitúen afirmacións liberais, democráticas e galeguistas que daquela reunían aos colectivos de galegos emigrados en diferentes países de América, e tamén tendían pontes entre a Galicia emigrada e o galeguismo que dende o interior tentaba reconstruír a cultura e restituír a singularidade de Galicia.

Aínda que o presidente galego destacou que as circunstancias que rodean o fenómeno migratorio en Galicia teñen variado, si recoñeceu que se mantén “o sentimento de galeguidade e a inquebrantable relación afectiva que os galegos emigrados seguen a manter con Galicia”, tal e como constatou persoalmente en diversas viaxes.

Plan Galego

Neste sentido Touriño incidiu en que as políticas levadas a cabo coa emigración tamén mudaron e así, o Goberno que preside “non lle vai facer favores aos emigrantes senón que lle vai facilitar o exercicio dos seus dereitos” matizou. Nesa dirección, o mandatario galego recordou os anuncios da Xunta da modificación da Lei de Galeguidade, a creación da figura do Valedor do Emigrante, ou a posta en marcha do Plan Estratéxico da Emigración para o período 2006-2009 que suporá unha importante actualización da política de emigración do goberno.

O xefe do Executivo galego explicou que a máxima que rexe ese plan é “que os residentes no exterior son cidadáns galegos e deben ser, polo tanto, tamén eles protagonistas da construción do presente e do futuro de Galicia”. Neste sentido quixo lembrar o importante papel que teñen as colectividades e empresarios galegos no tocante á proxección exterior de Galicia. “Queremos mirar ao futuro con optimismo e contando coa cidadanía residente no exterior”, sinalou.

Por último, Touriño recordou que en Galicia “hai sitio para todos os queiran ser galegos e para todos os que estean dispostos a respectar os dereitos e deberes dos cidadáns galegos”.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia