Skip to main content

A Fundación Ciclismo Galego comeza a dar as súas primeiras pedaladas

A Fundación Ciclismo Galego xa é unha realidade. Despois da firma dos estatutos, acto que tivo lugar en Vigo, a institución poderá comezar a dar as primeiras pedaladas de cara a poñer en marcha canto antes o equipo galego de ciclismo profesional “Karpin Galicia”.

A constitución da Fundación era un paso primordial para poder comezar a pechar as xestións que xa se están a realizar con respecto ao Karpin Galicia, tal e como recoñeceu o presidente da Fundación, Valeri Karpin, xa que este foi o instrumento elixido para poñer en marcha este proxecto por considerar que era o que máis se achegaba a un dos obxectivos do equipo: a aposta polo ciclismo de base. Desta forma, nos fins fundacionais da Fundación Ciclismo Galego sublíñase que “a Fundación ten por finalidade a promoción, divulgación e desenvolvemento do deporte do ciclismo en Galicia”. Para esta fin establécense programas concretos coma o equipo profesional, a realización de actividades dirixidas á potenciación do ciclismo afeccionado, a organización ou colaboración en eventos deportivos e en actividades encamiñadas á promoción do deporte de base, entre outros.

No transcurso da rolda de prensa, a conselleira de Cultura e Deporte e vicepresidenta da Fundación, Ánxela Bugallo, explicou que “este acto protocolario permítenos poñer nun papel o proxecto no que estamos a traballar xa dende hai tempo e seguir adiante coa mesma rapidez e seriedade que ata agora”. Ademais, destacou a aposta decidida das institucións por este equipo de ciclismo, que “é a aposta polo ciclismo de base galego”. Hai que lembrar que o Karpin Galicia conta co apoio de empresas privadas como Karpin S.L, Cardomar ou Caixanova, pero tamén de institucións como a Consellería de Cultura e Deporte, a Consellería de Industria e a Deputación Provincial de A Coruña.

Pola súa parte, Valeri Karpin destacou que “é un paso moi importante para que o equipo profesional sexa unha realidade moi pronto. Xa levamos moi adiantados todos os pasos e a partir de agora podemos completar as xestións realizadas”. O presidente insistiu en que “seguiremos adiante con este proxecto nestes momentos moi difíciles para o ciclismo e estou seguro de que este esforzo que estamos a realizar nolo van a agradecer moito máis no futuro”.

Finalizou a intervención ante os medios de comunicación, o director xeral para o Deporte, Santiago Domínguez Olveira, quen comezou agradecendo a aposta decidida das institucións e das empresas polo ciclismo e insistiu en que “o equipo nace co obxectivo de fomentar o ciclismo de base do noso país e trala firma dos estatutos xa temos o instrumento legal que necesitábamos para poñer en marcha o Karpin Galicia”.

O padroado. Despois da rolda de prensa, tivo lugar o acto de constitución da Fundación Ciclismo Galego, en presenza do notario José Luis Prieto Fenech, e tamén se deron a coñecer os nomes dos integrantes do padroado que serán os seguintes: Valeri Karpin (presidente), Ánxela Bugallo (vicepresidenta), Xosé Antón Fernández Rojo (tesoureiro), Carlos Luís Domínguez Álvarez (secretario) e os vogais Santiago Xosé Domínguez Olveira, Guillermo Brea Vila e Xabier Ignacio Louzao Rodríguez.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia