Skip to main content

O xefe do Executivo galego inaugura a 44ª Feira Internacional de Mostras do Noroeste

O presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, destacou que o Goberno galego está “a piques” de adxudicar a realización dun estudo que dará lugar a un Plan Integral de Desenvolvemento “de longo alcance” que servirá de guía para a posta en marcha “das medidas e accións necesarias para a dinamización económica, a diversificación produtiva, a creación de capital humano e tecnolóxico e a construción de infraestruturas que nos permitan acadar un desenvolvemento integral de Ferrolterra”.

Pérez Touriño fixo este anuncio no transcurso da súa intervención na inauguración oficial da 44ª edición da Feira Internacional de Mostras do Nororeste. O presidente precisou que este Plan Integral de Desenvolvemento “non é unha coartada para a inacción, non é un plan de carteis e baleiro nos orzamentos”.

Tras gabar a traxectoria de FIMO polo seu éxito de “vocación innovadora” e polos beneficios para a disposición urbanística da cidade de Ferrol, Pérez Touriño subliñou que as súas instalacións constitúen “un bo exemplo de como a actividade humana, o progreso, a innovación e a creación de riqueza son compatibles coa protección medioambiental e urbanística dun contorno tan especial e único como o da Ensenada da Malata”. De feito, anunciou que a Xunta estudará “con especial atención” as propostas que se poidan facer para mellorar o contorno e incrementar a capacidade das actuais instalacións.

Con estas palabras o presidente galego introduciu a súa aseveración de que “un novo Ferrol é posible”. “Creo que xa está empezando para Ferrol un novo tempo de prosperidade, que dende o Goberno da Xunta impulsaremos e mimaremos”, dixo. Pérez Touriño manifestou o seu compromiso para “frear o descenso de poboación, xerar emprego e riqueza, para que os nosos fillos poidan vivir e traballar na súa terra non resignados á pobreza, senón na vangarda dunha sociedade formada, consciente e competitiva no ámbito estatal e europeo”.

Froitos do diálogo

Subliñou posteriormente que Ferrol “é hoxe exemplo de diálogo, de colaboración entre as organizacións que configuran e representan á sociedade civil, as súas inquedanzas e intereses e as administracións públicas”. Neste sentido, o presidente lembrou que a semana pasada foi asinado precisamente no recinto de FIMO o convenio de colaboración entre a Xunta e a Asociación Impulsora do Plan Ferrol, integrada polos principais sindicatos, a Cámara de Comercio ferrolá e organizacións empresariais.

Ao seu xuízo, esta aposta polo diálogo “está xa a dar os seus primeiros froitos”, xa que están a piques de resolverse as axudas do Plan Ferrol, ao que presentaron proxectos 70 empresas e 21 entidades e concellos, na meirande parte de Ferrol, Eume e Ortegal. Pérez Touriño destacou que nesta iniciativa merecen “un especial recoñecemento” os emprendedores, os empresarios, “por confiar nas posibilidades desta comarca para encarar o futuro e por expresar da mellor maneira posible o compromiso con esta terra”.

Claves para “un novo tempo” en Ferrol

O presidente da Xunta de Galicia avogou por sustentar “o novo tempo” no que “está entrando” a comarca de Ferrol no abandono dos “tópicos e retóricas elaboradas dentro da linguaxe que empregamos os políticos”; nunha análise completa das súas potencialidades actuais e futuras; un “deseño dialogado” das accións e dos investimentos estratéxicos para afianzar as súas posibilidades de futuro; e, “sobre todo”, dixo, “nun cambio radical nos discursos, un cambio de mentalidade para encarar os retos”. Pérez Touriño considerou fundamental “saír dunha posición pasiva e victimista” cara a unha posición “activa, autorresponsable e comprometida”.

Por iso, destacou que mentres se está a deseñar o Plan Integral de Desenvolvemento a Xunta de Galicia, en colaboración co Goberno estatal e a Deputación Provincial coruñesa, está a traballar en medidas como o establecemento dun marco específico de apoio a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), a creación da Axencia Galega de Desenvolvemento Industrial, o Plan de Dinamización do Produto Turístico da Ría de Ferrol ou o compromiso, os orzamentos e as obras das infraestruturas que a comarca necesita.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia