Skip to main content

A Consellería de Traballo investirá dous millóns de euros no reforzamento da oferta formativa de vinte comarcas galegas

Co obxectivo de adecuar a oferta formativa ás necesidades reais do mercado de traballo, atendendo ás características específicas de cada territorio e ao número de desempregados, a Consellería de Traballo elaborou o Plan de Formación en Zonas Deficitarias, Formación Profesional Ocupacional: Unha cuestión de equilibrio, unha cuestión de nivel.

O conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, presentou o proxecto que se basea nas conclusións obtidas dun estudo do Observatorio Ocupacional da Consellería no que se detectaron unha serie de comarcas con especiais carencias en materia de formación. En total establécese unha relación de vinte comarcas, ou o que é o mesmo un total de 97 concellos, nos que se levará a cabo un reforzo formativo no que Traballo investirá preto de dous millóns de euros, o que supón, segundo explicou Varela, “multiplicar por catro os esforzos da Consellería en materia de formación nestas 20 comarcas”.

En total impartiranse 42 cursos de formación, dos que se beneficiarán arredor de 1.000 desempregados dos 97 concellos que abranguen estas 20 comarcas, é dicir, case 21.000 horas de formación que se comezarán a impartir de inmediato neste segundo semestre.

O reparto dos cursos fíxose en base a un informe elaborado polo Observatorio do Instituto Galego das Cualificacións, entidade dependente da Consellería, co obxectivo de facer unha planificación da formación profesional axeitada para avanzar na regulación e na racionalización dunha oferta formativa profesional integrada e de calidade. Así, o Observatorio seleccionou un conxunto de comarcas que, baixo criterios obxectivos, presentan un déficit en accións de formación ocupacional establecendo unhas prioridades de programación baseadas fundamentalmente nos datos de contratos e demandas de emprego, recomendando a impartición de formación naquelas especialidades máis demandadas.

Outros dous factores á hora de establecer o reparto foron o investimento medio por parado en cada comarca, seleccionando aquelas con menor investimento, nun intento de redistribuír a renda e a riqueza entre os territorios da Comunidade Autónoma, así como a programación xa establecida para o ano 2006 nesas comarcas, co fin de evitar a duplicidade da oferta, tanto coa programación FIP, como coas escolas obradoiros e obradoiros de emprego, priorizando finalmente a aquelas que teñan un menor número de cursos programados. Segundo manifestou o director xeral de Formación e Colocación, Pastor Fuenteseca, “trátase dun acto de solidariedade e de estricta xustiza cara os desempregados destas 20 comarcas”.

O conselleiro de Traballo mostrouse esperanzado por que todos os esforzos levados a cabo polo seu departamento “dean froitos e permitan unha mellora importante na calidade da formación ocupacional, sempre desde a perspectiva de que a formación non pode converterse nun fin en si mesma, senón que debe ser o vehículo que permita unha maior cualificación e competencia dos traballadores e polo tanto que permita o seu acceso a un emprego de calidade”.

As comarcas beneficiarias

Os 42 cursos proxectados beneficiarán a un total de 97 concellos de 20 comarcas galegas. Por provincias a distribución é a seguinte:

• A Coruña: En total impartiranse 20 cursos nas comarcas de Arzúa, Fisterra, Muros, Sar, Ordes, Ortegal, Melide e Terra de Soneira, que abranguen 32 concellos. O orzamento destinado a esta provincia supera o millón de euros que se destinarán a un total de 11.765 horas lectivas.
• Lugo: Os 21 concellos das comarcas da Ulloa, Ancares, Ancares e Terra Chá recibirán 9 cursos de formación, o que supón un total de 3.395 horas lectivas cunha inversión total de preto de 300.000 euros.
• Ourense: Allariz – Maceda, Baixa Limia, Terra de Caldelas, Terra de Celanova, Terra de Trives e Terra de Viana son as seis comarcas incluídas nesta actuación de reforzo da oferta formativa. Os 302.000 euros destinados aos 33 concellos destas comarcas dedicaranse ao desenvolvemento de nove cursos cun total de 3.670 horas formativas.
• Pontevedra: A inversión total nesta provincia é de 180.000 euros, que se destinarán á posta en marcha de catro cursos nos once concellos das comarcas de Paradanta e Caldas, cun total de 2.065 horas formativas.

O aproveitamento dos novos filóns de emprego

Na súa intervención, Ricardo Varela fixo mención á tramitación de Lei de Promoción de Autonomía Persoal e Atención ás Persoas en Situación de Dependencia, aprobada polo Consello de Ministros, como resposta ao cada vez maior envellecemento da poboación e ás súas necesidades de asistencia, que prevé a creación dun Sistema Nacional de Dependencia. O obxectivo principal desta iniciativa ministerial é atender á mais dun millón de persoas que non poden valerse por si mesmas, o que permitirá a creación de 30.000 empregos directos e outro número importante de postos de traballo indirectos. O conselleiro manifestou que en Galicia estímase que, entre postos de traballo directos e indirectos, se creen arredor de 20.000 novos empregos.

Ante estas expectativas, Traballo anticípase ás necesidades que se crearán é na programación dos cursos inclúese formación nas especialidades de auxiliar e técnico de axuda a domicilio en distintas comarcas das catro provincias, pertencentes fundamentalmente á Galicia rural, onde o envellecemento da poboación é incluso maior.

As mulleres como eixe de actuación prioritario

O conselleiro de Traballo recordou que no vindeiro outono debaterase no Parlamento a Lei de Inserción Laboral da Mulleres, unha iniciativa pioneira no Estado en abordar de maneira específica o principio da igualdade no ámbito do emprego e das relacións laborais, e que pretende introducir medidas que permitan un maior acceso ao emprego deste colectivo.

De feito, no ámbito da formación, “esixe que na totalidade das actividades formativas se deberá incluír unha porcentaxe de mulleres equivalente á de mulleres desempregadas inscritas no Servizo Público de Emprego do ámbito territorial da correspondente actuación, salvo se é inferior ao 50%”, sinalou Varela, quen engadiu que, nun intento de concienciación da sociedade e de conciliación da vida laboral e familiar, “faise case obrigatorio incluír un módulo formativo sobre a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e sobre todo de corresponsabilidade familiar e doméstica. Así mesmo, promoverase a creación, dentro do posible, de garderías e salas de lactación nos centros nos que se imparta a formación”.

Ricardo Varela sinalou que con estas medidas preténdese reducir non só cuantitativamente o desemprego feminino, senón tamén cualitativamente, permitindo cunha maior formación o acceso de mulleres a ocupacións máis cualificadas, pois “non hai que esquecer que outra das características do mercado de traballo é a feminización das profesións con menor nivel de cualificación”, declarou o conselleiro.

O conselleiro recordou neste senso que a taxa de emprego deste colectivo en Galicia é do 39,29%, fronte ao 57,58% que acadan os varóns, o que sitúa a Galicia 20 puntos por debaixo dos obxectivos marcados pola Unión Europea no Cumio de Lisboa de 2000, que establece para 2010 acadar unha taxa de emprego do 70% para a poboación en xeral e do 60% para as mulleres en particular.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Traballo da Xunta de Galicia