Skip to main content

Profesores galegos fórmanse en novas tecnoloxías da automoción

Un grupo de profesores galegos acude a seminarios de formación nas últimas novidades xurdidas no campo da automoción, grazas á adhesión da Comunidade galega ao programa de Formación Técnica Coordinada (FORTECO), impulsado pola industria de mantemento de vehículos autopropulsados.

O director xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, Antonio Vázquez Vázquez, asinou co coordinador xeral do programa, Juan Antonio Castaños, o acordo marco que permitirá a adhesión da Comunidade ás xornadas de formación. O acto celebrouse na sede en Madrid da empresa Robert Bosch España S. A., coordinadora do programa.

Vázquez destacou a forte demanda da que gozan os ciclos formativos da familia profesional do mantemento de vehículos, así como a elevada porcentaxe de inserción laboral dos seus titulados. Un estudio realizado pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria revela que a proporción de titulados desta familia profesional que traballa no sector é dun 66%, un índice bastante elevado en comparación coas porcentaxes doutras áreas.

Incorporar á formación as últimas novidades

O constante desenvolvemento tecnolóxico da industria da automoción nos últimos anos está a xerar problemas de actualización profesional nos centros de formación. Por este motivo, as empresas da industria da automoción, importadores e industria auxiliar en España, poñen en marcha un programa de formación continua para o profesorado desta materia. O obxectivo de FORTECO é o de formar nestas novas tecnoloxías a un primeiro nivel de profesores de automoción, que despois se encargarán de transmitir este coñecemento ao profesorado da comunidade. Deste xeito, o programa pretende chegar ao maior número posible de centros de ensino e alumnos.

Estes seminarios, orientados basicamente ás técnicas e produtos que a industria da automoción ofrece na actualidade, están coordinados pola empresa Robert Bosch España S. A. Participan ademais as empresas Audi, BMW, Chrysler, Porsche, Seat, Opel e Ford. As Comunidades autónomas encárganse pola súa banda de nomear a un coordinador que garanta a asistencia do profesorado aos cursos.


Gabinete de Comunicación da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia