Skip to main content

Padrón acolle os Campeonatos de España de Ciclismo no 50 aniversario do Club Ciclista Padronés

No marco da celebración do cincuenta aniversario do Club Ciclista Padronés, celébranse nesta localidade coruñesa os Campionatos de España de Ciclismo para as modalidades de cadete masculino e cadete e junior feminino. Tivo lugar a presentación por parte do director xeral para o Deporte, á que acudiron tamén o presidente do club organizador, Tanis Vázquez; o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Manuel Martínez, e o concelleiro de deportes de Padrón, Manuel Baltar.

Santiago Domínguez destacou na súa intervención o mérito “dun club que leva cincuenta anos loitando polo ciclismo galego, unha tarefa nada doada para os clubs de base que non contan co poder mediático mais que aínda así apostan pola incorporación de nenos e nenas ao deporte”. O director xeral reiterou o apoio do seu departamento “ao labor de entidades coma o Club Ciclista Padronés para que, co seu traballo acaden grandes obxectivos, que non son as portadas dos medios de comunicación, senón conseguir incrementar o número de licenzas federativas e espertar a paixón polo deporte nos nenos e nenas para que cada vez sexan máis os que practiquen ciclismo”.

Tanis Vázquez fixo un repaso pola historia do club, lembrando que nel se formaron grandes deportistas da historia do ciclismo galego, coma Jesús Blanco Villar, Vidal ou Oliveira, e insistiu nas dúas faces do C.Ciclista Padronés, a deportiva e a organizativa. Nesta última, o presidente destacou que este é o cuarto Campionato de España que celebran na súa localidade. Por outra parte, Tanis Vázquez, tamén reiterou a importancia que dende o club se lle concede á súa escola de ciclismo que dende os anos setenta traballa na formación de novos ciclistas.

O presidente da Federación Galega agradeceu o apoio da Dirección Xeral para o Deporte e destacou o bo momento do ciclismo galego “que está a cativar fóra das nosas fronteiras, tanto polos nosos resultados como pola nosa capacidade de organización”.

O Campionato de España percorrerá os concellos de Padrón, Rois e Dodro.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia