Skip to main content

Innovación e Industria analizará a viabilidade dos proxectos de General Dynamics para a Fábrica de Armas da Coruña

O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando X. Blanco, e o director xeral de Industria, Enerxía e Minas, Anxo Calvo, reuníronse en Londres con directivos de General Dynamics-Santa Bárbara Sistemas, cos que abordaron os plans de futuro da compañía para a Fábrica de Armas da Coruña. Na reunión participaron entre outros o vicepresidente de Desarrollo y Estrategia de Negocio da multinacional, Jesús Redondo, e o director da fábrica coruñesa, José Antonio Díaz Monjil.

Neste encontro avanzouse no estudo do novo plan de viabilidade da factoría da Coruña e, en concreto, a liña de aeronáutica coa que se pretende diversificar a súa produción. O proxecto consiste en abrir unha nova liña de fabricación de compoñentes para motores de aviación.

A Consellaría de Innovación e Industria estudará agora a viabilidade deste proxecto e, no caso dunha valoración positiva do mesmo, analizará posibles fórmulas de colaboración coa fin de contribuír a garantir a carga de traballo e o mantemento dos empregos da Fábrica de Armas da Coruña.

A reunión celebrouse no marco da feira Farnborough International Airshow 2006, segunda feira aeronáutica máis importante do mundo e primeira en temas aerospaciais, que foi inaugurada en Londres e que se clausura o 23 de xullo. Os responsables da Consellaría e os directivos de General Dynamics-Santa Bárbara Sistemas realizaron una visita conxunta aos stands dalgunhas das principais compañías aeronáuticas presentes na feira, cuxos produtos poderían ser fabricados, nalgúns casos, na factoría da Coruña.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia