Skip to main content

Organizacións sociais presentan en Compostela o “Manifesto a prol dun avanzo no autogoberno de Galiza"

Organizacións sociais, culturais, ecoloxistas, sindicais, estudantís e de montes veciñais presentaban o 18 de xullo, en rolda de prensa, o “Manifesto a prol dun avanzo no autogoberno de Galiza”. Un documento que recolle aqueles aspectos que estas organizacións consideran que se deberían incluír necesariamente no texto do novo Estatuto de Galiza, para que non se perda esta oportunidade histórica e realmente se avance no autogoberno.

Tal e como se explicou na rolda de prensa, as organizacións sociais asinantes acordaron realizar este manifesto partindo da necesidade de que o debate para a elaboración dun novo Estatuto saia das instancias parlamentarias e se abra á sociedade para que “a nosa voz se escoite”.

Cada unha das organizacións asistentes explicou un aspecto específico do manifesto en función do seu ámbito de traballo, centrando, en todo caso as súas intervencións nun punto de partida común e básico: a defensa de Galiza como nación e do seu dereito de autodeterminación.

MANIFESTO A PROL DUN AVANZO NO AUTOGOBERNO DE GALIZA

As organizacións sociais, culturais, ecoloxistas, sindicais, estudantís e de montes veciñais, abaixo asinantes, consideramos que este é un intre importante para Galiza, dado que se están a debater no Parlamento Autonómico as bases do futuro grao de autogoberno do que nos debemos dotar. Unha decisión na que, pola súa transcendencia, deben participar non só as institucións nas que reside a capacidade de decisión senón tamén o conxunto da sociedade galega, tanto por medio das súas organizacións máis representativas, como a través de todo tipo de actos e pronunciamentos.

Galiza é unha nación –recoñecida como tal pola Sociedade de Nacións en 1933- e, polo tanto, ten dereito á autodeterminación. Unha nación que exerceu a súa soberanía plena en distintos momentos da súa longa e rica historia. Unha nación á que se lle negou durante os últimos cinco séculos o dereito a autogobernarse e a promover a súa cultura e lingua propias en pé de igualdade con outras nacións do mundo. En consecuencia, unha nación á que se lle teñen que recoñecer os seus inalienábeis dereitos históricos.

No último cuarto de século contamos cunha certa autonomía, na práctica unha descentralizacións administrativa, que sendo un avanzo sobre a situación anterior non impediu que os distintos mecanismos de centralización económica e desnacionalización seguiran adiante.

A globalización neoliberal, a centralización e concentración da riqueza e a homoxeneización cultural e lingüística, a niveis nunca vistos, deu lugar, entre outros feitos, a unha progresiva perda e envellecemento da poboación, ao desmantelamento do mundo rural e da nosa capacidade de produción pesqueira e agrogandeira, a un incremento da enxurrada emigratoria, a diminución do número de persoas que utilizan en exclusiva a lingua propia, ao tempo que perdeu folgos a nosa identidade nacional en todos os eidos.

O Estatuto de Autonomía actualmente en vigor, revelouse insuficiente, nestes vintecinco anos, para que un país como o noso, coas súas características e cunha dependencia política secular, puidera defenderse e desenvolver acaídamente a súa economía, cultura e lingua. Ou sexa, mellorar a calidade de vida da súa xente.

Esta situación, e a necesidade de modificala, é a que nos leva a defender que o novo Estatuto de Galiza debe contemplar, entre outras, as seguintes medidas e competencias:

1. O recoñecemento de Galiza como nación e o dereito de autodeterminación do noso pobo.

2. A capacidade de desenvolvemento da economía galega a niveis que permitan a xeración de emprego, en cantidade e calidade, para que a mocidade non teña que precarizarse ou emigrar, os nosos emigrantes teñan a posibilidade de regresar e poidamos recuperar as taxas positivas de crecemento natural da poboación.

3. A definición dun Marco de Relacións Laborais Propio con plenas competencias.

4. O desenvolvemento do medio rural baseado nunha actividade agraria diversificada, que acometa os procesos de transformación e comercialización e que garanta aos labrego e labregas unha calidade de vida digna.

5. O recoñecemento da propiedade veciñal como singular, plenas competencias sobre os montes veciñais, desde a titularidade até o aproveitamento, pasando polos réximes fiscais, xa que agora están asimilados a sociedades mercantís con ánimo de lucro.

6. Creación do Valedor da Terra, unha figura semellante ao Valedor do Pobo que canalice as denuncias sobre agresións mediambientais.

7. A participación das clases populares e dos colectivos e organizacións sociais nos mecanismos de defensa dos dereitos civís e o reforzamento da figura do Valedor do Pobo.

8. Un sistema de financiamento de Galiza que nos permita recadar e planificar os gastos necesarios para un desenvolvemento económico e social dignos.

9. Competencias exclusivas a respecto da formación e dos medios de información, da cultura, da investigación e divulgación da nosa historia e da defensa e promoción da lingua galega. Plenas competencias para o deseño e planificación do ensino, atendendo as nosas características e necesidades, así como o deseño e planificación de programas de axudas e bolsas para garantir un ensino público, gratuíto e de calidade.

10. Un nivel de decisión propio que nos permita garantir: a protección do ecosistema; a soberanía alimentar; unhas prestacións sociais dignas; uns servizos públicos de calidade; a igualdade en materia de xénero e unha a ordenación racional do territorio.

Os abaixo asinantes entendemos que estes mecanismo son esenciais para manter e dar pulo á nosa identidade, a sermos e exercermos como galegos e galegas.

ASINAN:

• Agrupación Cultural Alexándre Bóveda
• Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza
• Asociación Galega de Historiadores
• Asociación de Montes en Man común
• Asociación Sociopedagóxica Galega
• Comités Abertos de Estudantes
• Comités Abertos de Facultade
• Confederación Intersindical Galega
• Movemento polos Dereitos Civís
• Sindicato Labrego Galego.




Agrupación Cultural Alexándre Bóveda + Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza + Asociación Galega de Historiadores + Asociación de Montes en Man Común + Asociación Sociopedagóxica Galega + Comités Abertos de Facultade + Confederación Intersindical