Skip to main content

Administración, empresarios e sindicatos acadan o primeiro acordo no proceso de diálogo social

O Goberno e os axentes sociais asinaron o primeiro acordo no marco do proceso de Diálogo Social. O consenso unánime acadouse na Mesa I, na que, entre outras, se negocian as materias relacionadas coa prevención de riscos laborais, referido ao Anteproxecto de Lei de Creación do futuro Instituto galego de Seguridade e Saúde Laboral.

O acordo configura a ese futuro organismo, de participación institucional de carácter tripartito (administración, empresarios e sindicatos), como un organismo autónomo de carácter administrativo, adscrito organicamente á Consellería de Traballo, con entidade xurídica propia e capacidade de obrar de seu.

Os fins prioritarios deste organismo serán a xestión e coordinación das políticas que estableza o Goberno galego, en materia de seguridade, hixiene e saúde laboral, para a mellora das condicións de traballo co obxecto de eliminar ou reducir en orixe os riscos inherentes á prestación laboral.

Para cumprir estes obxectivos desenvolverá:

- Accións de información, divulgación en materia preventiva
- Realizará o asesoramento e control das accións técnico-preventivas dirixidas a diminuír os riscos laborais, accidentes de traballo e enfermidades profesionais nas empresas
- Prestará ás empresas, traballadores, administracións públicas, sindicatos, asociacións de empresarios, e demais axentes económicos e sociais, asesoramento e asistencia técnica para o mellor cumprimento da normativa de prevención de riscos laborais
- Realizar o seguimento e coordinación de accións en materia preventiva dos distintos departamentos da Xunta de Galicia
- E, por último, fomentar a prevención de riscos no traballo a través do seu tratamento como materia horizontal no ensino.

Este preacordo remitirase á Mesa Xeral do proceso de Diálogo Social para a súa sinatura definitiva, para posteriormente iniciar a súa andadura parlamentaria.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Traballo da Xunta de Galicia