Skip to main content

O secretario xeral de Análise e Proxección presentou o estudo piloto sobre o clima social de Galicia destacando a estabilidade do Goberno da Xunta

O Secretario Xeral de Análise e Proxección, Xosé Manuel Rivera Otero, presentou os resultados do Estudo Piloto sobre o Clima Social en Galicia correspondente ó traballo de campo realizado entre xuño e xullo de 2006.

Dos datos deste estudo se desprende unha situación de alta estabilidade do Goberno da Xunta de Galicia, así como un alto nivel de aprobación do seu traballo. De feito, un 56.3% dos enquisados aproba a actuación do Goberno da Xunta, cifra que supera o 50.8% dos enquisados que aproban a actuación do goberno de España. Esta idea de estabilidade aséntase na valoración da situación política de Galicia, considerada boa por case un 30% dos enquisados fronte o 17% que a considera mala. Estes datos, tamén difiren dos acadados en referencia ó Goberno de España, onde un 23.7% a consideran boa, e un 20.5%, mala.

Do mesmo xeito, no estudo se inclúen datos sobre a media da valoración dos líderes políticos, onde Emilio Pérez Touriño acada un 5.94, Anxo Quintana un 5.43, e Alberto Núñez Feijoo un 4.59.

A Secretaría Xeral de Análise non realizou unha estimación de voto nesta enquisa, pero Xosé Manuel Rivera Otero sinalou que hoxe o Partido Popular seguiría a ser o Partido máis votado.
Gabinete de Comunicación da Secretaría Xeral de Análise e Proxección da Xunta de Galicia