Skip to main content

O conselleiro de Economía defende para Galicia a ampliación da cesión de tributos e da capacidade normativa

O conselleiro de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, José Ramón Fernández Antonio, destacou en Pontevedra a necesidade de que Galicia dispoña dunha autonomía financeira que permita determinar o volume e composición dos ingresos en base a unha maior cesión de tributos e dunha maior capacidade normativa sobre estes. Fernández Antonio salientou tamén a importancia da suficiencia financeira como principio básico para o exercicio do autogoberno en Galicia e engadiu que, na determinación das necesidades de gasto deben considerarse os factores diferenciais de custe, como son en Galicia o avellentamento e a dispersión da poboación. O titular de Economía do Goberno Galego participou esta mañá en Pontevedra, xunto co conseller d’Economia i Finances da Generalitat de Catalunya, Antoni Castells i Oliveres, na mesa redonda O financiamento do Estado das Autonomías á vista das reformas estatutarias: problemas e solucións, organizado pola Universidad Internacional Menéndez Pelayo (UIMP).

O conselleiro de Economía e Facenda falou das importantes carencias do actual sistema de financiamento autonómico, como son a infravaloración das necesidades de gasto e a baixa autonomía financeira. Neste sentido, Fernández Antonio subliñou que o sistema vixente presenta problemas de suficiencia e de baixa autonomía financeira. “Existe una asimetría entre os niveis de gastos das comunidades autónomas e a súa capacidade en canto a ingresos”, explicou.

Suficiencia financeira

Segundo o conselleiro e Economía, a finalidade do sistema de financiamento debe consistir en asegurar a todos os cidadáns o mesmo nivel de servizos públicos autonómicos que, a igualdade de esforzo fiscal, debe proporcionar un nivel homoxéneo na prestación e calidade de ditos servizos. Fernández Antonio considera que o sistema de financiamento debe proporcionar os recursos financeiros suficientes para atender os gastos, e o punto de partida debe ser a estimación das necesidades de gasto. Tras mostrarse de acordo co criterio de poboación para determinar o volume de recursos, Fernández Antonio explicou que as características da mesma inciden tamén en factores de custe diferenciais para a prestación de servizos públicos. No caso de Galicia, segundo subliñou, destacan factores como o avellentamento de poboación e a súa dispersión xeográfica que, afirmou, elevan o custe da prestación dalgúns dos servizos básicos.

Autonomía financeira

Para o responsable de finanzas da Xunta de Galicia, existe un problema de desequilibrio entre a capacidade de decisión autonómica de gastos e ingresos. Por esta razón, entre as medidas a tomar, o conselleiro citou o incremento da cesión tributaria e a revisión do Fondo de Suficiencia. Este Fondo, segundo explicou, debe incluír un mecanismo de corrección vinculado á diferente evolución dos recursos provenientes deste, por unha parte, e ás necesidades de gasto, pola outra.

Unha vez establecidos os recursos mínimos que o Estado debe garantir ás Comunidades Autónomas, a Facenda Autonómica debe dispoñer de capacidade normativa necesaria para exercer a súa autonomía financeira. Para Fernández Antonio, “sería desexable contar coa fase minorista do IVE, basicamente cunha parte do IVE repercutido aos consumidores finais, no marco da normativa europea e da tributación harmonizada”.

Potenciar o FCI

O conselleiro de Economía falou ademais da necesidade de potenciar o Fondo de Compensación Interterritorial (FCI) como instrumento de política de cohesión. Fernández Antonio referiuse tamén a que o papel protagonista na xestión dos fondos estruturais debe corresponderlle ás Comunidades Autónomas.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia