Skip to main content

Touriño avoga por que a reforma estatutaria asente unha solución estrutural á representación política da emigración

“Non aspiramos, con este acto, a saldar débedas que sabemos que nunca estaremos en condicións de cancelar, pero agora que estamos en disposición de restituír feridas históricas, debemos propiciar, aínda que sexa con moitos anos de retraso, pequenos actos de xustiza que poñan fin a décadas de esquecementos, frustración e tamén dor”. Deste xeito defendeu o presidente da Xunta o exercicio da memoria histórica porque, segundo explicou, “o silencio imposto noutras épocas non pode ter continuidade hoxe no abandono e a indiferenza”.

Touriño realizou esta valoración no decurso do acto conmemorativo dos 50 anos do I Congreso da Emigración Galega e dos 150 anos do Banquete de Conxo, promovido pola Secretaría Xeral de Emigración e pola Secretaría Xeral de Comunicación da Xunta de Galicia. Durante a súa intervención, Touriño aproveitou para reivindicar que a reforma estatutaria asente “unha solución estrutural á representación política da emigración”.

Momento histórico

Neste 2006 –segundo o presidente da Xunta- “atravesa un momento histórico no que se está a producir a afirmación civil dos ideais galeguistas, progresistas e democráticos que agromaron no Banquete de Conxo e que informaron o espírito do I Congreso da Emigración Galega”. Por iso, para o presidente da Xunta, este acto conmemorativo serve “para facer un novo voto de reafirmación no noso presente e no noso futuro”.

O titular da Xunta indicou que “participamos dun momento que aspira a deixar pegada na historia de Galicia”, ao igual que deixou pegada en 1856 o Banquete de Conxo como “acto de signIficación na historia do civismo galego. Ao igual que deixou pegada o I Congreso da Emigración Galega como un exercicio de “análise colectiva” e “ampla” da emigración galega.

“O Congreso tivo a misión de estudar os problemas específicos dos galegos emigrados, con proxeccións sobre o presente e o futuro de Galicia, buscándolle ao fenómeno solucións posibles e axeitadas”, dixo Touriño, quen quixo lembrar ademais algúns nomes que fixeron posible este congreso, entre eles, Suárez Picallo, Maruja Boga, Alonso Ríos ou Neira Vilas.

Paralelamente, tamén se referiu Touriño aos nomes que inspiraron o Banquete de Conxo, “reunión de obreiros, artesáns e estudantes nunha carballeira do arrabaldo compostelán de Conxo”, como expresión “sen precedentes” dos ideais liberais, progresistas e democráticos. Entre eles citou a Aurelio Aguirre ou a Eduardo Pondal.

Estes dous momentos da historia, 1856 e 1956, posúen, segundo Touriño, unha extraordinaria relevancia para Galicia e, segundo sinalou, “os intres nos que un pobo vai debuxando a súa historia non perden nunca a súa actualidade”.

VIII Pleno do Consello das Comunidades Galegas

“Os dereitos só teñen sentido cando existe un contexto no que é posible o seu exercicio”, proseguiu Touriño, quen indicou que “acadar ese escenario é o reto no ano 2006, pasando dun estadio simplemente conmemorativo, como é a efeméride, á consecución dun logro histórico máis”.

Por este motivo, Touriño avogou porque o vindeiro Pleno do Consello das Comunidades Galegas, que se celebrará en agosto, afonde no estudo integral da emigración galega e dea continuidade ao espírito do I Congreso, de 1956. Amosouse seguro de que así será porque se propiciarán, no seo deste Pleno, debates sobre cuestións decisivas como “a reforma da Lei de Galeguidade” e “o papel da emigración no novo Estatuto”.

Papel activo da emigración

Se o obxectivo daquel I Congreso da Emigración Galega era o de reivindicar o papel protagonista de Galicia na actualidade, tal e como expuxo Touriño, “Galicia camiña a bo ritmo cara ao desenvolvemento e nese camiñar non imos deixar atrás á numerosa emigración galega. Todo o contrario: apostaremos de forma decidida para que xoguen un papel activo a prol do benestar do noso país”.

Para Touriño, fillos e netos de emigrantes “son os mellores embaixadores de Galicia alén das nosas fronteiras”, por iso se fai necesario contar coa “gran oportunidade que representa un capital humano formado” que “leva a identidade galega con orgullo e compromiso”.

Por iso reivindicou que os centros galegos do exterior amosen “a verdadeira Galicia, un país moderno, dinámico e emprendedor”. “As institucións nas que Castelao, Suárez Picallo ou Manuel Cordeiro fomentaron o debate, a crítica construtiva e o intercambio de experiencias deben recuperar ese espírito dinámico e ambicioso para abrirse a sociedade e volver a ser espazos de encontro da galeguidade do exterior”, sinalou Touriño. “Hoxe 50 anos despois comparto totalmente o obxectivo de acadar centros abertos, lugares de encontro, de confraternidade, en definitiva espazos de identidade que representen á maioría dos galegos que están no exterior”, indicou Touriño. “Nese sentido está a traballar tamén a Secretaría Xeral de Emigración, con propostas que incidirán nun maior dinamismo cultural das nosas colectividades”, proseguiu.

Débeda coa emigración

O presidente da Xunta concluíu a súa intervención no acto conmemorativo sinalando que Galicia nunca poderá pagar a débeda que ten coa emigración. “Nunca poderemos pagara o prezo de tantas familias desestruturadas, de tanto sufrimento e de tanto sacrificio”. Por iso, avogou por garantir os dereitos e os deberes dos galegos do exterior como o mellor xeito de recoñecer esa débeda. Estes, dixo Touriño referíndose aos emigrantes, nunca deben ser utilizados como “moeda de pago”.

Neste sentido, o presidente da Xunta sinalou que este ano incrementáronse nun 50 por cento ás axudas asistenciais individuais e as prestacións por ancianidade a galegos do exterior. Así, avogou por seguir nesta liña, defendendo e promovendo dereitos “que debemos recoñecer e garantir”.

Finalmente, tamén se referiu Touriño ao Rexistro Voluntario on line da cidadanía galega no exterior como un servizo necesario que está a impulsarse “para garantir o acceso á información dos nosos emigrantes”.

Por último, o titular do Goberno galego indicou que o Consello das Comunidades Galegas xogará un papel relevante para que os presidentes dos centros participantes poidan debater sobre a reforma estatutaria. “Estou seguro –concluíu- de que os participantes no Consello das Comunidades estarán á altura das circunstancias, sendo conscientes do momento histórico no que nos atopamos e da súa importancia fundamental para a construción da Galicia do futuro”.

Desenvolvemento do acto

No acto conmemorativo organizado pola Secretaría Xeral de Emigración participaron ademais o secretario xeral de Comunicación, Fernando Salgado, e o secretario xeral de Emigración, Manuel Luis Rodríguez. O escritor Xosé Neira Vilas, acompañado de dous actores, representou o mesmo brinde que realizara no Pazo de Galicia do Centro Lucense o 18 de xullo de 1956 durante a evocación do banquete de Conxo.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia