Skip to main content

A Consellería e o Ministerio de Pesca intensifican a súa colaboración en materia de vixilancia e inspección pesqueira

A ministra de Agricultura, Pesca e Alimentación, Elena Espinosa; e a conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego Calvar, asinaron o Plan Específico de
Actuación Conxunta no control e inspección da actividade pesqueira (PEAC) correspondente ao ano 2006. Ao acto, celebrado en Vigo, acudiu o secretario general de Pesca Marítima do MAPA, Juan Martín Fragueiro; o director xeral de Recursos Mariños da Consellería, Francisco Fernández Cortés; o subdirector xeral do Servizo de Gardacostas de Galicia, Pedro
Siaba; e a delegada territorial de Pesca en Pontevedra, Ángeles Montero.

Aínda que o Ministerio e a Consellería de Pesca xa traballan habitualmente de forma coordinada en materia de vixilancia pesqueira, controlando aspectos como a comercialización dos produtos ou o emprego de explosivos no mar; coa sinatura deste convenio intensifícase a colaboracion entre as dúas administracions, co obxectivo de garantir a protección dos recursos e velar polo cumprimento da normativa pesqueira.

Así, os servizos de inspección do Goberno galego e do Executivo central actuarán de forma conxunta en misións marítimas, aéreas e terrestres e intercambiaranse toda a información necesaria para levar a cabo con éxito os operativos de vixilancia. O departamento dirixido por Camen Gallego e a Secretaría General de Pesca Marítima do Estado acordaron, ademais, aportar os medios humanos e materiais que fosen precisos para a realización destas actuacións.

Inspeccións por mar, terra e aire

Segundo establece o plan rubricado, o persoal do MAPA e a Consellería participará coordinadamente en inspeccións integrais de pesca en portos e lonxas, e controlará a descarga, o almacenamento, a venda e o transporte dos produtos pesqueiros, poñendo especial atención ao cumprimento das tallas mínimas autorizadas. Do mesmo xeito, velarase polo
cumprimento das leis comunitaria, estatal e autonómica no que respecta aos horarios de faena, á documentación esixible en materia pesqueira ou á correcta etiquetaxe dos produtos.

Tamén se levarán a cabo operativos de vixilancia e inspección no mar e controlaranse as entradas e saídas dos buques en zonas portuarias e peiraos de instalacións frigoríficas. Ademais, o acordo prevé a realización de misións aéreas, o que axudará a garantir que os barcos non traballan en zonas prohibidas ou en períodos de veda. Neste sentido, de
advertir algunha conducta que puidera supoñer unha infracción, os inspectores de pesca levantarían un acta de denuncia que sería remitida aos órganos competentes do Estado ou da Comunidade Autónoma, según correspondese.

Actividades de formación

Por outra banda, co obxectivo de optimizar os servizos de inspección da Xunta e do Goberno central, promoverase a celebración de actividades e cursos de formación dos que se poderá beneficiar o persoal de ambas partes.

Finalmente, cando remate o último trimestre do 2006, terá lugar unha xuntanza na que se valorará a efectividade deste protocolo e a sinatura de plans de actuación conxunta para os vindeiros anos.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia