Skip to main content

O presidente da Xunta e o ministro do Interior anuncian que as dúas administracións se reunirán para tomar medidas urxentes en materia de seguridade vial

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, e o ministro do Interior, Alfredo Pérez Rubalcaba, anunciaron que as administracións que representan manterán distintas reunións ao longo desta semana co fin de tomar medidas urxentes en materia de seguridade viaria, para reducir a accidentalidade e a mortandade nas estradas galegas, sobre todo de cara ao vindeiro mes de agosto. Así o acordaron durante a xuntanza mantida esta mañá, no Pazo de Raxoi, que constitúe a primeira reunión de traballo entre ambos os dous mandatarios.

“Decidimos sentarnos, porque non podemos esperar máis para tratar de poñer en marcha un conxunto de medidas para tratar de cortar esta tendencia e para atacar o fondo do problema”, sinalou o ministro do Interior, que engadiu que o obxectivo é realizar un diagnóstico “máis fino do que está a acontecer” nas estradas galegas para “poder tomar medidas de cara ao mes de agosto”. Un mes que considerou “moi importante porque a xente viaxa moito e o número de accidentes adoita ser importante tamén”.

Alfredo Pérez Rubalcaba sinalou, nesta liña, que o mércores se celebrará un seminario que abordará xustamente a sinistralidade viaria e que se van aproveitar as conclusións do mesmo para atallar este problema. “Imos aproveitar as conclusións deste seminario pero máis alá das conclusións imos traballar urxentemente as dúas administracións para tratar que nos próximos días teñamos un diagnóstico máis fino do que está pasando e poidamos tomar medidas de cara o mes de agosto”, engadiu.

Problema estrutural

Tanto Emilio Pérez Touriño como o ministro do Interior coincidiron en sinalar que o problema da accidentalidade nas estradas galegas é de tipo “estrutural” xa que, segundo sinalou Alfredo Pérez Rubalcaba, “non é só un problema do carné por puntos, senón que o vimos notando desde hai dous anos”. Ao seu xuízo, hai “unha resistencia” na Comunidade galega “que temos que estudar” xa que mentres en todas as comunidades españolas o traballo realizado nos dous últimos anos polo Ministerio do Interior e a posta en marcha do carné por puntos ten reducido o número de falecidos nas estradas, no caso de Galicia non se ten notado unha mellora neste sentido.

“A diferenza do que está pasando no resto das Comunidade Autónomas, en Galicia –salientou Pérez Rubalcaba-, hai unha sorte de resistencia negativa a baixar a taxa, sobre todo, de mortalidade e accidentalidade nas estradas”. “Algo estrutural, polo tanto, hai en Galicia, porque non se trata solo do carné por puntos”, engadiu, lembrando que no conxunto do Estado se ten producido un descenso no número de mortos desde que entrou en vigor o carné por puntos.

Preocupación do Goberno galego

Por iso ambos os dous mandatarios avogaron por manter reunións para adoptar medidas urxentes co obxectivo de reducir a sinistralidade nas estradas galegas. Un asunto que, segundo lembrou Pérez Touriño, é prioritario para o Goberno que preside e constitúe unha cuestión “que lle preocupa moi especialmente”. De aí que o presidente do Goberno autonómico comprometera, desde un primeiro momento, a posta en marcha dun Plan de Seguridade Viaria que, segundo asegurou Touriño, “verá a luz no próximo semestre”.

Na mesma liña, o presidente galego sinalou que xa desde un primeiro momento se adoptaron medidas de cara á conservación e mantemento das estradas galegas, traballando en “permanente contacto co Ministerio do Interior”. Asemade, Pérez Touriño lembrou que a Consellería de Política Territorial e a Dirección Xeral de Tráfico están a colaborar coordinadamente para intentar atallar este problema.

Sistema de comunicacións de emerxencia

Durante a comparecencia ante os medios de comunicación, o ministro do Interior anunciou a sinatura dun convenio coa Consellería de Presidencia que permitirá “o acceso da Policía adscrita á Comunidade Autónoma a un sistema de comunicacións de emerxencia” que existe a nivel estatal. Segundo asegurou Rubalcaba, trátase dun “sistema robusto e que requiriu un grande investimento” e servirá para garantir unha total coordinación entre a policía adscrita á Comunidade Autónoma, a Policía Nacional e a Garda Civil en caso de emerxencia.

Durante a xuntanza, Emilio Pérez Touriño e o ministro do Interior tamén tiveron a oportunidade de repasar todo o que ten que ver coa loita contra os incendios, “ese gran cabalo de batalla de todos os veráns en Galicia”, en palabras do titular do Goberno galego.

Visita a Galicia

Ademais da reunión co presidente da Xunta, o ministro do Interior asistiu a outros actos na comunidade galega. Despois da visita a Santiago fixo entrega dun patrulleiro que, segundo as súas propias palabras, “permitirá garantir a seguridade nun contexto moi amplo no parque natural das Illas Atlánticas” e, posteriormente, inaugurou un cuartel da Garda Civil na cidade de Pontevedra.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia