Skip to main content

A Consellería de Innovación destina 21 millóns de euros a axudas para o fomento da innovación empresarial

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica o 24 de xullo de 2006 a convocatoria de axudas para o Fomento da Innovación Empresarial en Galiza. A convocatoria forma parte do Plan Galego de I+D+i e conta cun orzamento total que ascende a 21 millóns de euros. O obxectivo fundamental desta liña de axudas é acadar un fortalecemento do tecido empresarial galego, co apoio daquelas iniciativas destinadas a incrementar a competitividade das empresas mediante a introdución de novos produtos no mercado ou de novos procesos en calquera punto da cadea de valor. A creación deste novo programa permite pechar o ciclo innovador coa xeración dun marco propicio que permita que os resultados da I+D cheguen ao mercado en forma de novos produtos ou procesos.

A convocatoria de axudas contempla catro modalidades de axudas: a creación de plataformas tecnolóxicas, a realización de estudos de viabilidade, o desenvolvemento de proxectos de innovación empresarial e a preparación e participación en proxectos estatais e internacionais. Pódese obter máis información nas páxinas web: http://www.conselleriaiei.org/dxidi e http://www.dxid.org e o prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro 25 de agosto.

ACADAR SINERXIAS ENTRE OS DISTINTOS ACTORES DA INNOVACIÓN

As plataformas tecnolóxicas son instrumentos específicos que teñen como obxectivo acadar sinerxias entre os distintos actores da innovación nun determinado sector empresarial estratéxico para Galiza. A posta en marcha destas plataformas permitirá planificar a investigación e o desenvolvemento estratéxico destes sectores a medio e longo prazo e situar a Galiza como un polo tecnolóxico estratéxico a nivel estatal e europeo. Os beneficiarios destas axudas son os Centros Tecnolóxicos públicos ou privados galegos e os clústers empresariais. En canto á contía das axudas, éstas poderán acadar o 100% do custo subvencionable, establecéndose unha contía máxima da subvención de 90 mil euros para a creación de cada Plataforma Tecnolóxica.

A segunda liña de axudas do programa de Fomento da Innovación Empresarial vai destinada aos estudos de viabilidade técnica previos á actividade de investigación industrial, desenvolvemento tecnolóxico e innovación empresarial, e tamén a aqueles estudos que teñan por obxecto a diagnose tecnolóxica das capacidades da empresa. Estes estudos estarán destinados á adquisición de coñecementos que resulten de utilidade e a garantir a creación ou mellora de produtos, procesos ou servizos a través da realización posterior dun proxecto de investigación no ámbito dos programas do Plan Galego de I+D+i. Neste caso, as axudas poderán acadar o 50% do custo subvencionable, establecéndose un mínimo de custo subvencionable de nove mil euros e un máximo de 30 mil euros.

A TECNOLOXÍA COMO MEDIO PARA INTRODUCIR UN CAMBIO NA EMPRESA

O desenvolvemento de proxectos de innovación empresarial é a terceira liña de axudas da convocatoria e está dirixida a aquelas actividades que utilicen a tecnoloxía como medio para introducir un cambio na empresa. Os proxectos que accedan á convocatoria deberán reunir algunha das seguintes características: consistir en actividades innovadoras en sectores estratéxicos do país (como son o textil e moda, naval, automoción, madeira e moble e construción, entre outros), estar desenvolvidos nos sectores das tecnoloxías emerxentes (como poden ser a aeronáutica, a industria farmacéutica, as tecnoloxías de computación e os novos sistemas de telecomunicacións) ou pertencer a algunha das tecnoloxías críticas transversais (TICs, nanotecnoloxía, biotecnoloxía e enerxías renovables).

Acadar un incremento da produtividade e da área de negocio, unha diversificación sectorial, acceder a novos mercados e mellorar a competitividade empresarial son os obxectivos fundamentais que se queren conseguir con esta vía de financiamento. De feito, terán especial consideración aqueles proxectos que obteñan, como resultado da súa execución, unha redución significativa da contaminación, do consumo enerxético ou o incremento do capital humano das empresas.

O desenvolvemento de proxectos de innovación empresarial é unha liña de axudas que consta de dúas modalidades: Innovapeme, para proxectos desenvolvidos por pequenas e medianas empresas, cun custo mínimo de 90 mil euros e cunha intensidade máxima da axuda do 50%; e Innovamáis, para proxectos desenvolvidos por grandes empresas que teñan un custo mínimo de 300 mil euros e unha intensidade máxima da axuda do 40%.

INCREMENTAR A PARTICIPACIÓN DAS EMPRESAS GALEGAS EN PROXECTOS ESTATAIS E INTERNACIONAIS

Finalmente, a cuarta liña de axudas prevista na convocatoria é a destinada á preparación e participación en proxectos estatais e internacionais, coa finalidade de incrementar a participación das empresas galegas nestes proxectos. Estas axudas outorgaranse tanto á preparación de novos proxectos, como a incentivar proxectos concedidos con anterioridade noutros programas de axudas doutras administracións, na medida que sexan compatibles.

No primeiro dos casos, é dicir, a preparación de novos proxectos, as axudas poderán acadar o 50% do custo subvencionable, establecéndose esa contía nun máximo de 18 mil euros para a participación en proxectos internacionais e nun máximo de seis mil euros para os demáis proxectos estatais. Polo que respecta aos incentivos a proxectos concedidos con anterioridade noutros programas de axudas doutras administracións, cofinanciaranse os mesmos conceptos que os especificados na convocatoria á que foi presentado o proxecto. No caso de que éstes non sexan especificados, asumiranse como gastos subvencionables aqueles conceptos que aparecen especificados na convocatoria sectorial do Plan Galego de I+D+i para a modalidade de proxectos de investigación industrial desenvolvidos por empresas privadas.

UN MES DE PRAZO PARA A PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da orde no DOG (remata o día 25 de agosto). Os formularios de solicitude das axudas deberánse obter e cubrir a través da aplicación informática establecida no seguinte enderezo de Internet: http://www.xunta.es/conselle/in/index.htm da Xunta de Galicia. Poderanse obter e cubrir os formularios até as 24 horas do día anterior á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.


Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia