Skip to main content

O Consorcio Audiovisual de Galicia e a Fundación Aisge organizan un curso de dobraxe

O Consorcio Audiovisual de Galicia e a Fundación AISGE abriron a convocatoria para o Curso de Dobraxe en grao de Perfeccionamento, que ten lugar do 5 ao 28 de setembro. Trátase dun curso dirixido principalmente a actores e actrices que teñan coñecementos no eido da dobraxe e que queiran afondar no estudo de distintos aspectos que interveñen no proceso, coa “fidelidade ao orixinal” como camiño para acadar unha boa calidade.

Neste curso, eminentemente práctico, os asistentes partirán dun repaso pormenorizado do “traballo en sala” e mediante unha avaliación individual, atallaranse as dificultades que cada un dos participantes presente no desenvolvemento desta técnica. O curso constará de dous módulos: 80 horas de técnica de dobraxe e 10 horas de voz, repartidos ao longo do curso, segundo as necesidades detectadas polo titor.

O titor deste curso será Luis Iglesia Besteiro, actor con experiencia no teatro, TV e cine, e que dende o ano 1987 traballa como actor e director de dobraxe, impartindo ou participando como convidado en diversos cursos de dobraxe e locución. O obradoiro contará tamén con Marta Pinillos Manrique de Lara, logopeda e foniatra especialista en problemas de voz e as súas complicacións na fala, que impartirá o módulo de voz.

Coa realización deste curso séguese a traballar no Plan de Formación Actoral para o ano 2006, como exitosa continuación do desenvolvido no ano 2005, no marco do cal xa se organizaron varios cursos. Para este ano contémplase tamén a realización de novas edicións de distintos cursos que gozaron de grande aceptación, así como doutros con elevada demanda entre os profesionais do sector. Entre os cursos destacan un curso de voz (que se celebrará no mes de setembro) un curso de iniciación á dobraxe (en outubro) e un curso de inglés audiovisual (en novembro).

Para o desenvolvemento deste plan, Consorcio e Fundación asinaron un convenio de colaboración no que se prevé o patrocinio, por ámbalas dúas partes, de tódolos cursos e obradoiros contemplados no mesmo e que serán organizados conxuntamente. Con este plan o Consorcio completa as súas accións formativas de cara ao sector actoral galego. Aquelas persoas interesadas poderán obter máis información na páxina web do Consorcio (www.consorcioaudiovisualdegalicia.org), ou no teléfono 981.545.063.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia