Skip to main content

O descenso do paro en Galicia dos últimos doce meses foi catro veces superior ao da media do Estado

Segundo se recolle na Enquisa de Poboación Activa correspondente ao segundo trimestre de 2006, feita pública polo Instituto Nacional de Estadística, Galicia reduce o seu número de parados nun 22,05% con respecto ao mesmo período de 2005. Este descenso é catro veces superior ao da media estatal na que a redución do número de desempregados foi do 5,54%.

Así, Galicia con 30.700 parados menos que hai doce meses, convértese na comunidade autónoma que rexistra un maior descenso do paro.

Asemade, en relación co primeiro trimestre do ano, Galicia experimenta unha redución do paro do 14,43%, mentres que o Estado presenta unha baixada do 5,10%. Así, o número de parados descendeu en Galicia neste trimestre, con respecto ao primeiro do ano, en 18.300 persoas, segundo a EPA, dato moi similar aos 18.220 desempregados menos que recolle o paro rexistrado do mes de xuño.

Por outra banda, o incremento de 39.400 ocupados neste segundo trimestre de 2006 con respecto ao mesmo período de 2005, o que supón en termos porcentuais unha suba do 3,54%, é moi similar aos 33.256 afiliados máis que houbo na Seguridade Social.

Así, a comparativa entre o segundo trimestre de 2006, e o mesmo período de 2005, da como resultado un importante incremento de ocupados e un forte descenso de parados.

O mercado de traballo galego presenta unha tendencia tanto na creación de emprego (sexan ocupados ou afiliados) como na redución do paro (EPA ou paro rexistrado), que permite ser optimista.

Segundo se desprende dos datos aportados pola EPA correspondentes ao segundo trimestre deste ano, o número de parados galegos sitúase en 108.500, dos cales 42.300 son homes e 66.200 son mulleres.

Con respecto á poboación ocupada, neste segundo trimestre contabilízanse 1.152.800 traballadores, deles 659.500 son homes e 493.200 son mulleres.

Mentres que as mulleres só representan o 42,8% do total de ocupados, supoñen o 61% dos parados. Equipar estas dúas cifras é o reto pendente do mercado de traballo.


Gabinete de Comunicación da Consellería de Traballo da Xunta de Galicia