Skip to main content

Máis de 150 voluntarios traballarán cada día en labores de vixiancia nos montes galegos

Máis de 150 voluntarios van traballar cada día nos montes galegos en tarefas de vixilancia e de axuda ás brigadas de extinción, sempre baixo supervisión de expertos e en ningún caso entrando nos traballos de apagar os lumes. A Vicepresidencia da Xunta a Organización galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común colaboran nesta iniciativa, que pretende servir de axuda á vaga de incendios forestais que vive Galiza estes días.

Tras unha xuntanza entre o director xeral de Xuventude e Solidariedade con representantes desta organización, acordaron o inicio destes traballos. Os voluntarios forman parte dos que contactaron estes días co Teléfono en Defensa do Monte Galego, o 900 400 800. Cada día, alomenos 150 realizarán traballos de vixilancia nos montes, xunto ás cuadrillas da Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común. Irán 6 voluntarios con cada brigada, equipo ou técnico da organización.

Traballos voluntarios

Na xornada, boa parte dos voluntarios que se puxeran en contacto co 900 400 800 van realizar outros traballos de campo, uns deles farán tarefas de vixilancia, mentres que outros labores de loxística. Por exemplo, en Pontevedra e en Vigo, os voluntarios estarán no Centro de Tecnificación Deportiva e no Centro Residencial Meixoeiro encargándose dos labores de intendencia e atención ás necesidades dos equipos de extinción, tales como a elaboración de xantares e o acondicionamento das dependencias destinadas a eses equipos. E por outra parte, haberá voluntarios que realicen traballos de vixilancia nos montes, entre outros sitios, no concello de Betanzos, na comunidade de montes de Valladares (Vigo), no concello de Carnota ou no concello de Ponteareas.

Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia da Xunta de Galicia