Skip to main content

Traballo facilitará a inserción laboral de 200 inmigrantes arxentinos a través dun programa pioneiro de intermediación laboral

Co obxectivo de facilitar a inserción laboral dos fillos e netos de galegos nados na República Arxentina, a Consellería de Traballo implícase, xunto co Servizo Público de Emprego Estatal e a Dirección Xeral de Inmigración, na posta en marcha do Programa de intermediación laboral para fillos ou netos de españois en orixe. Trátase dun proxecto polo que se regula o continxente de traballadores extranxeiros de réxime non comunitario en España para o ano 2006, e para o que Galicia ten aprobado para este exercicio 2006 un total de 200 potenciais titulares de visados de busca de emprego para fillos ou netos de españois en orixe.

Os beneficiarios deste programa deberán reunir dous requisitos básicos, como ter unha idade comprendida entre os 18 e os 30 anos e acreditar a súa residencia na República Arxentina. A distribución territorial deste continxente concéntrase nas provincias de A Coruña e Pontevedra, con 60 traballadores cada unha, seguidas polas provincias de Lugo e Ourense, con 40 participantes cada unha.

Este programa de intermediación laboral centrarase, fundamentalmente, na realización de actuacións que irán enfocadas ao cumprimento de accións integradas nun itinerario de inserción laboral que contribúan a mellorar as condicións de ocupabilidade deste colectivo, xa que a finalidade última deste programa é a de acadar a inserción do total dos 200 titulares destes visados.

En base ao Acordo do Consello de Ministros ás Direccións Xerais de Inmigración, Emigración e de Asuntos e Asistencia Consulares realizarán a labor de facer unha Instrucción conxunta que regule o proceso de selección de candidatos. Mentres que a Consellería de Traballo é a responsable de deseñar os programas dirixidos á inserción laboral destes traballadores, que deberán atoparse en España no que resta de ano.

Dentro do plano de actuacións, o primeiro paso consiste na acollida dos inmigrantes, para o que se conta cos centros de acollida da Secretaría Xeral de Emigración. Ao mesmo tempo, e dada a distribución xeográfica dos traballadores, designarase un responsable do programa en cada unha das provincias galegas, así como un responsable da Consellería de Traballo. A chegada dos traballadores inmigrantes executarase en dúas fases coa seguinte distribución númerica:

FASES A CORUÑA LUGO OURENSE PONTEVEDRA
1ª FASE 20 20 20 20
2ª FASE 40 20 20 40

O Instituto Galego de Cualificacións, a través de diversos estudos de mercado de traballo, identificou as actividades económicas prioritarias para acadar a inserción laboral destes demandantes, que son a construción, a hostalería, o servizo doméstico en fogares particulares e outras actividades sociais e de servizos prestados á comunidade.

As accións do plano de intermediación

Para a consecución de todas as accións que integran o plano de intermediación, o Servizo Público de Emprego da Consellería de Traballo facilitará todas as ferramentas posibles. Para iso, contarase coa colaboración dos técnicos en orientación laboral da Consellería. Ademais, porase en marcha un itinerario personalizado de inserción co que poder atender o proceso de planificación, previsión de consecuencias, toma de decisións, e a execución de condutas de búsqueda de emprego.

Este itinerario vaise iniciar a través dunha acción personalizada e individual de diagnóstico e avaliación socioprofesional levada a cabo por un orientador. Deste xeito, cada traballador que se incorpore a un itinerario recibirá o apoio e o asesoramento dende a primeira entrevista ata a fase de acompañamento a ofertas de traballo. Por todo isto, o orientador laboral convertirase no seu referente durante todo o proceso previo á inserción laboral.

En canto á formación deste colectivo, a diferencia cultural que pode existir á chegada ao noso país, fai necesario formalos, sobre todo, en coñecementos do mercado de traballo en Galicia, e facendo fincapé basicamente nos seguintes temas: normativa sobre saúde e hixiene, seguridade laboral, dereitos e deberes dos traballadores, asistencia sanitaria, entre outros.

Por outro banda, e coa colaboración das entidades que conforman a Rede Galega de Atención a Emigrantes e Retornados da Secretaría Xeral de Emigración vanse desenvolver as seguintes actuacións:

• Informar sobre a situación xurídica e trámites administrativos a realizar.
• Dar a coñecer programas, actividades e accións que se estén levando a cabo dentro da Rede Galega de Atención a Inmigrantes e Retornados.
• Promover a incorporación destes traballadores ás redes sociais e á vida comunitaria.
• Axudar a este colectivo a acercarse á realidade sociolaboral do noso país.

No tocante ao seguimento do programa, a Consellería de Traballo remitirá á Dirección Xeral de Inmigración informes de seguemento da execución do programa, do mesmo xeito que levará a cabo un plano de difusión deste progama coa finalidade de acadar a inserción laboral en Galicia de todos os 200 traballadores, unha labor que, ao mesmo tempo, estará respaldada polos axentes sociais da nosa Comunidade Autónoma.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Traballo da Xunta de Galicia