Skip to main content

Pesca e a Confraría de Camariñas sementan 100.000 unidades de ameixa babosa na praia de A Vasa

A Confraría de Pescadores de Camariñas realizou a segunda sementeira de ameixa babosa na praia de A Vasa, na que cultivarán 100.000 unidades deste molusco cun tamaño superior
a 12 milímetros, que proceden do minicriadoiro baixo cuberta lixeira situado no Porto de Camariñas, propiedade da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos e que xestiona xunto co pósito. Estes exemplares súmanse así aos 784.000 da mesma especie e aos 417.000 de ameixa xaponesa sementados
recentemente na zona. Con este novo cultivo, o departamento dirixido por
Carmen Gallego e a Confraría seguen a traballar na recuperación das poboacións de bivalvos, unha actividade de grande relevancia para o sector marisqueiro galego, no que se observa unha crecente demanda de semente.

O minicriadoiro de Camariñas investiga actualmente a mellora dos seus rendementos produtivos mediante a posta en marcha dun sistema de cultivo que permita producir grandes cantidades de semente de entre 3 e 5 milímetros, para logo preengordala ata o tamaño mínimo co que se pode
sementar sen riscos de mortandade ou perda, é dicir, ata os 10-12 mm.

Do mesmo xeito, tamén se procura dotar á Confraría dun sistema de preengorde que mellore o rendemento dos tradicionais “pochóns”, que se popularizaron a finais dos anos 90 e que viñan empregando ate o de agora.

Rede de minicriadoiros

Ademais da planta de produción baixo cuberta lixeira de Camariñas, a Consellería de Pesca conta con outro minicriadoiro situado en O Vicedo, así como dúas instalacións ubicadas no Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa). Estas actuacións enmárcanse dentro dun programa de cultivo de moluscos bivalvos para recuperar os bancos marisqueiros, xa que
a produción do sector vese limitada pola carencia dun sistema de suministración regular de semente.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia