Skip to main content

Innovación dedica máis de trece millóns de euros á formación de investigadores

A Consellería de Innovación e Industria vén de facer pública a través do Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria de axudas dentro do Programa de Recursos Humanos do Plan Galego de I+D+i. En virtude desta orde, Innovación e Industria destinará máis de 13 millóns de euros (concretamente, 13.244.780 euros) á convocatoria de diversas accións formativas. Entre elas destaca a creación do Programa María Barbeito de axudas a contratos predoutorais de formación de doutores para a súa incorporación en organismos públicos e privados de investigación de Galiza. Este programa conta cun orzamento de máis de tres millóns de euros –en concreto 3.270.400 euros- para a contratación de 80 doutorandos durante dous anos.

O programa leva o nome da escritora, socióloga e pedagoga galega María Barbeito y Cerviño (A Coruña, 1880-1970), que exerceu unha grande influenza no desenvolvemento da escola galega do seu tempo. De feito, María Barbeito perfeccionou o ensino primario e implantou a escola activa, dando paso aos métodos máis modernos, e fixo o mesmo co ensino da música, ximnasia rítmica e técnicas artesanais. Entre outros apuntamentos da biografía da pedagoga, figuran o seu apoio á presenza viva da lingua galega na escola e a coeducación de ambos sexos, e a súa defensa da escola pública.

A formación é, precisamente, o obxectivo fundamental deste Programa María Barbeito. Concretamente, a finalidade da iniciativa é apoiar a formación en investigación básica e aplicada daqueles titulados superiores universitarios que desexen realizar a súa tese de doutoramento nun centro de investigación radicado en Galiza. Poderán outorgarse un máximo de oitenta axudas e os solicitantes deberán ser as entidades que acollan aos doutorandos: as universidades do sistema universitario de Galiza, as institucións non universitarias sen ánimo de lucro e os organismos das administracións públicas ou as súas entidades dependentes, que desenvolvan actividades de investigación ou innovación.

MÁIS DE 13 MILLÓNS DE EUROS PARA A FORMACIÓN DOS INVESTIGADORES

Ademáis do Programa María Barbeito, figuran na orde o Programa Isidro Parga Pondal nas súas dúas modalidades: novas adxudicacións –axudas para a contratación de doutores en organismos públicos e privados de investigación de Galiza-, que recibirá preto de catro millóns de euros (3.884.000 euros) e as prórrogas da convocatoria do ano 2004, para o que se destinan preto de tres millóns de euros (2.790.000 euros). Ademáis, a orde prevé outorgar un millón de euros ás bolsas para realizar estadías fóra de Galiza.

Outra das novidades da orde é a transformación das prórrogas de bolsas predoutorais en contratos, unha decisión motivada pola política que vai seguir o Goberno galego en materia de recursos humanos dedicados á I+D+i e que ten por obxectivo fundamental acabar coa precariedade laboral dos investigadores.

UN 19% DE INCREMENTO NOS ORZAMENTOS DOS ISIDRO PARGA PONDAL

O orzamento que se destina ao Programa Isidro Parga Pondal supera os seis millóns e medio de euros (6.634.000 euros), para financiar as dúas modalidades da iniciativa: as novas adxudicacións, correspondentes ao ano 2006 para a contratación de doutores de cara á súa incorporación en organismos públicos e privados de investigación de Galiza, para o que hai un orzamento que supera os tres millóns e medios de euros (3.844.000 euros), o que supón un incremento do 19% con respecto ao presuposto da convocatoria anterior; e as prórrogas das axudas concedidas para a contratación de doutores no ano 2004, que recibirán preto de tres millóns de euros (2.790.000 euros).

O obxectivo do Programa Isidro Parga Pondal é contribuir a superar o déficit de recursos humanos de que adoece o sistema de I+D en Galicia. Polo que respecta ás novas adxudicacións, realizaranse un total de 62 contratos laborais (un número que se incrementa nun 37% con respecto á convocatoria anterior), de dous anos de duración (a desenvolver entre o 1 de outubro de 2006 e o 30 de setembro de 2008), e cunha axuda máxima concedida para cada contrato de 31 mil euros por ano de contrato. As universidades do Sistema Universitario de Galicia, institucións non universitarias sen ánimo de lucro e organismos das administracións públicas que desenvolvan actividades de investigación ou innovación son os beneficiarios destas axudas.

Os destinos dos investigadores beneficiarios dos Parga Pondal serán os seguintes: 46 nas Universidades do Sistema Universitario de Galicia; 8 nas Fundacións Públicas e Centros de Investigación (Fundación Cesga, Fundación Cetmar, Fundación Galega de Medicina Xenómica e a Fundación para o Fomento da Calidade Industrial); 5 nas fundacións privadas sen ánimo de lucro (Fundación Complexo Hospitalario de Santiago, Fundación Complexo Hospitalario de Vigo, Fundación Juan Canalejo, Aimen e Cecopesca e 3 no Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC).

A convocatoria das prórrogas das axudas concedidas no ano 2004 para a contratación de doutores en organismos públicos de investigación de Galicia, pola súa parte, prevé un máximo de 45 prórrogas que corresponden á totalidade das axudas vixentes na actualidade. Estas axudas distribúense do seguinte modo: 13 para a Universidade da Coruña, 17 para a Universidade de Santiago de Compostela; 14 para a Universidade de Vigo e 1 para o Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC). A axuda máxima concedida para cada contrato laboral será de 31 mil euros por ano de contrato e a duración destes contratos será de dous anos, a partir do 1 de outubro deste ano 2006.

UN MILLÓN DE EUROS PARA ESTADÍAS EN CENTROS SITUADOS FÓRA DE GALIZA

As bolsas para estadías no estranxeiro e en centros españois situados fóra de Galiza teñen como finalidade favorecer a actualización de coñecementos, a adquisición de novas técnicas de investigación e completar a formación dos investigadores galegos. Estas bolsas contarán cun orzamento dun millón de euros e contemplan tres modalidades: estadías de ata seis meses de duración para funcionarios e contratados doutores cunha antigüidade mínima como doutores de tres anos –e tamén cunha antigüidade como doutores inferior a tres anos e contratados non doutores-; outra para estadías posdoutorais de ata 12 meses de duración, para doutores recentes dos últimos tres anos e para o persoal investigador contratado a través dos Programas Isidro Parga Pondal, Ramón y Cajal ou asimilables e a terceira para estadías de ata tres meses de duración para persoal investigador en formación do Programa María Barbeito ou das antigas bolsas predoutorais das convocatorias da Dirección Xeral de I+D+i.

O importe das axudas comprenderá: unha axuda institucional para gastos de desprazamento e seguro combinado de accidentes durante o período de aproveitamento, cunha asignación de 400 euros para estadías en España e Portugal, de 600 euros para estadías no resto de Europa e de 1.000 euros para estadías no resto do mundo, e unha asignación mensual bruta de 1.100 euros se a incorporación se produce en España, Portugal ou Andorra; de 1.400 para o resto de países de Europa ou África, e de 1.800 euros para América, Asia e Oceanía.

MÁIS DE DOUS MILLÓNS DE EUROS PARA OS CONTRATOS PREDOUTORAIS

A transformación das prórrogas das bolsas predoutorais de formación de doutores en organismos públicos de investigación de Galiza en contratos contará cun orzamento de máis de dous millóns de euros (2.340.380 euros) a repartir nas súas dúas modalidades: primeira prórroga e segunda prórroga. A primeira prórroga das bolsas predoutorais está destinada aos beneficiarios das mesmas na convocatoria do ano 2005. En virtude desta, a bolsa transformarase nun contrato cunha duración máxima de 12 meses (comprendidos entre o 1 de outubro de 2006 e o 30 de setembro de 2007), para o que se destina un orzamento que supera o millón e medio de euros (1.635.200 euros). O número máximo de contratos que poderán financiarse é de 80, e a axuda máxima concedida para cada contrato será de 20.440 euros por ano de contrato.

Finalmente, a segunda prórroga das bolsas predoutorais corresponde ás axudas concedidas na convocatoria do ano 2004. Neste senso, os beneficiarios verán as súas bolsas transformadas en contratos, que terán unha duración máxima de seis meses (comprendidos entre o 1 de outubro do 2006 e o 31 de marzo do 2007). Financiaranse un máximo de 69 contratos, cunha axuda máxima concedida para cada contrato de 20.440 euros.

Os modelos oficiais de solicitudes están a disposición dos interesados nos seguintes enderezos da Internet: http://www.dxid.org, e http://www.conselleriaciic.org. O prazo de presentación será dun mes, a partir do día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia