Skip to main content

Innovación e Industria habilitará unha partida de 3 millóns de euros para a promoción do turismo ante a coxuntura xerada polos últimos incendios en Galicia

O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco Álvarez, anunciou que o seu departamento levará á vindeira reunión do Consello da Xunta unha proposta, consensuada co sector turístico, para habilitar con carácter extraordinario unha partida de 3 millóns de euros que se destinarán a realizar campañas de promoción de Galiza como destino e a compensar as perdas sufridas polo turismo galego por mor dos incendios dos últimos días.

O titular de Innovación e Industria, que visitou hoxe varios establecementos que foron directamente afectados polos lumes, explicou que estes fondos servirán para financiar unha nova campaña de promoción que está previsto que se inicie durante a vindeira semana en medios de comunicación de todo o Estado, coa fin, segundo explicou Fernando Blanco, de manter a afluencia de visitantes a Galiza tralo impacto negativo dos incendios.

Bo destino turístico

En relación con esta circunstancia, o conselleiro recoñeceu que o turismo galego viviu estes días unha “situación difícil”, pero que “Galiza segue sendo un bo destino turístico”, cunha oferta de calidade en ámbitos como a cultura ou a gastronomía. Engadiu que “non podemos negar que se queimaron 77.000 hectáreas de terreo”, pero “tamén é certo que iso supón o 2,5% do territorio galego, polo que aínda queda moito para visitar”.

O conselleiro de Innovación e Industria coñeceu de primeira man a incidencia dos lumes no sector turístico galego, visitando o cámping “Ría de Arousa 2”, na parroquia de Oleiros, en Ribeira, e as casas de turismo rural “Os Muíños” e “Casa da Ermida”, ambas no Araño (Rianxo). Estivo acompañado polo director xeral de Turismo, Rubén Lois González, polo xerente de Turgalicia, Xesús Pereira, e por representantes da Confederación de Empresarios de Hostelería de Galiza (CEHOSGA), a Asociación de Cámpings de Galiza e de asociacións de turismo rural do país.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia