Skip to main content

O Goberno galego está a despregar unha serie de medidas para atallar os posibles efectos da vaga de incendios forestais

O Goberno galego está despregar unha serie de medidas para atallar os posibles efectos da vaga de incendios forestais acaecidos en Galicia estes días. Entre as actuacións postas en marcha cabe salientar as encargadas de monitorizar e controlar a calidade das augas dos ríos e dos encoros que abastecen aos principais núcleos de poboación, así como as augas dos polígonos de bateas e nas zonas de produción de moluscos para detectar calquera alteración que puideran sufrir.

Ao mesmo tempo, se están a despregar actuacións de prevención da erosión e recuperación do solo queimado, para a protección da biodiversidade, e iniciativas para extremar a vixilancia, control e limpeza das marxes das estradas e a reposición dos sinais de tráfico.

O Ministerio de Medio Ambiente e a Xunta (Consellerías de Pesca e Medio Ambiente) activaron conxuntamente un plan de control de calidade das augas, con analíticas periódicas de todas as augas da comunidade autónoma para controlar e corrixir, se é necesario, calquera impacto o afección dos lumes nas concas e o litoral galego.

Deste xeito, as augas dos ríos e encoros que abastecen aos principais núcleos de poboación de Galicia (Conca Galicia-Costa) permanecen baixo un estrito control de calidade. O Ministerio de Medio Ambiente, a través da Confederación Hidrográfica do Norte e de Demarcación de Costas, encargase das augas mariñas así como das da conca Miño-Sil. A Consellería de Medio Ambiente, pola súa banda, fará a revisión das augas de abastecemento de Galicia-Costa.

Efectos no medio mariño

Para determinar os posibles efectos sobre o medio mariño dos incendios forestais que afectaron a Galicia, o Intecmar (Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia), centro dependente da Consellería de Pesca, ten establecido un sistema de control para detectar as posibles alteracións das augas e os efectos que terían nos polígonos de bateas e nas zonas de produción de moluscos. O traballo ten como obxectivo determinar si existe un aumento de partículas en suspensión na auga do mar nas zonas de produción tras as choivas, valorar un posible incremento na concentración de materia orgánica disolta nas concentracións de sales nutrientes (nitratos, nitritos, fosfatos, silicatos e amonio), a avaliación dos niveis de osíxeno disolto na columna de auga, o seguimento das posibles consecuencias no fitoplancto, a través da análise da concentración de clorofilas, e o estudo dos efectos, si os houbera, sobre a composición das comunidades de fitoplancto e a súa diversidade específica.

Para reforzar o control habitual e determinar as secuelas que puideran provocar os arrastres tras as choivas, procedeuse á instalación de turbidímetros en bateas representativas das principais zonas de produción de moluscos da Ría de Arousa e na zona máis próxima á desembocadura do río Ulla. Nos próximos días instalaranse novos equipos para dar cobertura as demais rías galegas.

Así mesmo, estanse a recoller mostras complementarias, mediante botellas oceanográficas, para a análise de carbono orgánico disolto, materia orgánica e sales nutrientes, incrementando a frecuencia das mostraxes nas zonas internas das rías de Muros-Noia, Arousa, Pontevedra e Vigo para localizar posibles variacións da concentración na auga.

Por outra banda, farase unha mostraxe específica de moluscos e conservaranse as mostras para as análises de biotoxinas, metais, organoclorados, hidrocarburos e patóxenos.

Actualmente están a traballar nos posibles efectos da vaga de incendios por parte do Intecmar, persoal da Unidade Oceanográfica e Fitoplancto, que realiza un seguimento semanal en 48 estacións para detectar calquera alteración nas augas das variables oceanográficas, as clorofilas e o fitoplancto. Pola súa parte, a Unidade de Bioxeoquímica Mariña realiza o seguimento do carbono disolto, materia orgánica e sales nutrientes en máis de 40 estacións da costa galega, mentres que a Unidade de Biotoxinas do centro realiza un seguimento de biotoxinas mariñas nos organismos con destino ao consumo humano, nos polígonos de bateas e zonas de produción de moluscos.

O persoal adscrito ás unidades de Metais, Organoclorados e Hidrocarburos está facendo controis de mexillón de rocha, polígonos de bateas e zonas de moluscos en máis de 60 puntos do litoral para determinar a presenza de metais, organoclorados ou hidrocarburos nos moluscos. Por último, os técnicos das unidades de Microbioloxía e Patoloxía estanse a encargar do seguimento e control macrobiolóxico das zonas de produción e da posible aparición de patoloxías nos moluscos.

Por outra banda, un equipo formado polos biólogos de zona das delegacións da Consellería de Pesca en Pontevedra e A Coruña, en colaboración coas asistencias técnicas das confrarías, está facendo un estudo estimativo da produción de recursos pesqueiros dos últimos anos e tamén das diferentes especies que se atopan nos bancos marisqueiros máis próximos ás desembocaduras dos ríos. Isto permitiranos facer unha comparativa dos resultados que se obteñan agora e nun futuro coas cifras de anos anteriores, no mesmo período de tempo. O obxectivo desta medida, que se completará cos datos da venda en lonxa, é determinar si existe unha posible afección da cinza nas zonas de produción.

Este tipo de mostraxe tan exhaustiva é habitual no mes de setembro e ten como finalidade a avaliación do estado dos recursos para plantexar os plans de explotación anuais. Debido á vaga de incendios, dende a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, decidiuse adiantar este traballo para obter todos os resultados o antes posible e, deste xeito, poder valorar a incidencia ou non deste suceso nos bancos marisqueiros.

Constituíuse o comité científico asesor para desenvolver o Plan de actuación para a prevención da erosión e recuperación do solo queimado polos lumes. Este equipo técnico está integrado por investigadores das tres universidades galegas, do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e por técnicos das consellerías do Medio Rural e Medio Ambiente.

Tamén están en marcha actuacións especificas para zonas protexidas da Rede Natura que foron afectadas polos lumes. A recuperación destes espazos, así como das súa fauna e flora, farase con medidas concretas para cada un deles.

A Consellería de Medio ambiente, que descarta a suspensión en calquera caso da tempada de caza (con carácter xeral empeza en outubro), iniciará a vindeira semana a rolda de contactos co conxunto dos cazadores para adoptar medidas puntuais nas periferias das zonas queimadas ademais de velar por garantir alimentos e auga aos animais, fundamentalmente coellos e perdices, que viven en zonas arrasadas polos incendios.

A través da Consellería de Política Territorial se está a extremar a vixilancia, control e limpeza das marxes das estradas cunha medida que complementa os plans das consellerías de Presidencia e Medio Rural. Dende o primeiro momento, a consellería de Política Territorial trasladou as súas catro delegacións provinciais e ás empresas de conservación integral de estradas a súa solicitude de maximizar a capacidade dos operativos para facer revisións permanentes nas marxes das vías de comunicación.

Pola súa banda, o Servizo de Emerxencias do 112 -dependente da Consellería de Presidencia- conta nestes momentos con catro equipos adicionais de desbroce e extinción. Dous deles están a actuar polas marxes externas da AP9, mentres que os dous restantes atópanse a disposición das vías do Salnés, Barbanza, Val Miñor e Carballo.

Se levarán a cabo reunións de coordinación para extremar a limpeza e desbroce das marxes das estradas, dando prioridade ás zonas afectadas polos lumes. Asemade, con carácter de urxencia extrema, levarase a cabo unha revisión dos sinais de tráfico de toda a rede autonómica para proceder á reposición da que puideran resultar danados a causa dos lumes destes días.

Así mesmo, cabe lembrar que durante a vaga de incendios que asolou Galicia durante os pasados días, a Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes puxo a disposición da Consellería de Medio Rural, desde o primeiro momento a maquinaria de empresas de obras públicas para que o operativo de extinción contase coa máis ampla cantidade posible de medios.

Asemade, ordenou o permanente funcionamento de todo o operativo de antenemento de estradas e mantivo aberta a AP9 desde as 18.00 horas do 9 de agosto ata as 18.00 horas do 14 de agosto. Como medida de reforzo, se mantiveron reunións de coordinación con Carreteras del Estado e as demais consellerías da Xunta para que operativo de estradas permanecese en alerta.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia