Skip to main content

Touriño abre unha vía de concertación, consenso e cooperación cos alcaldes para analizar a vaga de incendios e adoptar medidas de reparación dos danos

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, abriu unha vía de “concertación, consenso e cooperación” cos alcaldes coa vontade de analizar conxuntamente a vaga de incendios rexistrada en Galicia e adoptar medidas tanto de reparación dos danos sufridos nos concellos, como de futuro para evitar situacións “excepcionais e agudas” como a dos pasados días.

Así o informou o máximo mandatario galego tras a reunión que mantivo en San Caetano cos alcaldes de Arbo, Camariñas, Cerdedo, Cotobade, Mazaricos, Muxía, Rois e Vilaboa, oito dos concellos máis afectados polo lume, reunión que estivo presidida por un ton “cooperativo e construtivo”.

Na rolda de prensa posterior, o xefe de Executivo autonómico explicou que a vontade do Goberno galego é abrir unha vía de diálogo cos alcaldes para coñecer de primeira man a súa “avaliación global” da situación producida polo lume nos seus concellos, analizar cómo se desenvolveron os servizos de extinción de incendios en cada un deles e abordar as medidas de reparación dos danos causados, co obxectivo último de deseñar as medidas que no futuro impidan que situacións “excepcionais e agudas” como a vivida non volvan repetirse.

Para iso, e tras a reunión xa mantida no Barbanza cos rexedores desta comarca, o presidente explicou que a súa intención é entrevistarse coa directiva da Fegamp o 28 de agosto e, a partir desta data, manter xuntanzas de carácter provincial con todos os alcaldes afectados. O obxectivo é que a inicios de setembro ben o presidente ou os conselleiros responsables das áreas implicadas no proceso de recuperación teñan xa mantido esas xuntanzas.

Pérez Touriño avanzou ademais a súa vontade de reunirse periodicamente coa Fegamp para poder analizar polo miúdo a reordenación da política forestal, urbanística, de loita contra incendios ou de recuperación dos danos causados polos lumes.

Revisión profunda

Nese senso, o presidente salientou que é necesario proceder a unha “profunda revisión” das políticas forestal e urbanística. Así, constatou que na actualidade o monte carece da ordenación precisa para que sexa “útil” socialmente, polo que anunciou a necesidade dunha reorientación a fondo que permita desenvolver un novo modelo tanto en sistemas de traballo que funcionen, como en especies ou cultivos. Asemade, agregou que Galicia “non soporta” máis unha política urbanística baseada “no crecemento disperso e diseminado do hábitat”, polo que avogou por impulsar un novo modelo de ordenación territorial.

Parellamente, Emilio Pérez Touriño avogou por reflexionar sobre a actuación dos equipos de loita contra os incendios e de protección civil coa intención de “artellar” o seu labor conxunto e facelos máis operativos. “Trátase dunha reflexión de Goberno e de país. O lume non coñece de partidos nin de ideoloxías”, expresou.

Liñas de axuda

Asemade, o presidente salientou que nos consellos da Xunta dos días 24 e 31 de agosto se analizarán os informes que permitirán avaliar a situación provocada polos incendios e adoptar os primeiros conxuntos de medidas. Así, Pérez Touriño referiuse a que nestas se contemplarán axudas para a recuperación das actividades e sectores económicos afectados; indemnizacións para os familiares dos falecidos a causa do lume; axudas para os afectados pola perda de bens inmobles e medidas de recuperación de infraestruturas e servizos locais danados.

Pérez Touriño explicou que unha vez o Consello da Xunta e o Goberno central poñan en marcha estas liñas de axuda, se abrirá un período de presentación de documentación e información dos cidadáns afectados para que poidan beneficiarse das mesmas.

A preguntas dos xornalistas, o presidente indicou que ningún alcalde puxo en dúbida que existiron “cuantiosos recursos” contra o lume e coincidiu con eles en que “en momentos de máxima dificultade” este operativo “non podía cubrir o 100% das dificultades” pois houbo que protexer máis de 1.000 casas illadas e máis de 500 núcleos urbanos para salvalos do lume.

“Vivimos unha situación excepcional. En dez días foron atendidos máis de 8.000 focos, 1.636 incendios. No 2004, nun período equivalente de tempo rexistráronse 351 incendios. Nestes dez días de crise en Galicia houbo 1.636 incendios”, resaltou Pérez Touriño, quen lembrou que 14 dos 34 detidos están en prisión.

O presidente salientou finalmente que no Parlamento de Galicia se abrirá unha comisión que buscará articular o debate político e chegar a acordos para adoptar todas as medidas necesarias para o futuro. “Podo garantir que vai haber, e hai, transparencia e que hai rigor e que, por tanto, poremos enriba da mesa, como estamos poñendo, todos os datos, como o calculamos, como se ten medido, con que sistema, con que técnica. De todo isto terá información cabal e exhaustiva o Parlamento de Galicia e os medios de comunicación. Non vamos negar nin minimizar nada. Iso garantízoo”, concluíu.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia