Skip to main content

A introdución da perspectiva de xénero na seguridade laboral permitirá combater en orixe riscos derivados do embarazo, o parto e a lactación

“A seguridade e a saúde no traballo son indicadores básicos da calidade no emprego”. Así o afirma o conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, que, seguindo as liñas de actuación recomendadas tanto pola Organización Mundial da Saúde como pola Organización Internacional do Traballo, establece como un dos obxectivos prioritarios na súa Consellería o de promover e manter o máis alto grao de benestar físico, mental e social dos traballadores e traballadoras en todas as profesións.

A Consellería de Traballo entende a saúde como un todo integral e considera que un dos retos aos que deben enfrontarse tanto os poderes públicos como os axentes sociais consiste en previr a perda de saúde causada polas condicións de traballo e establecer as medidas de protección necesarias ante os riscos que a poidan danar.

Mulleres e homes, debido á forte segregación ocupacional, están expostos a diferentes contornos de traballo e diferentes tipos de esixencias e tensións laborais, aínda cando se empregan no mesmo sector e exercen a mesma profesión.

A negación e a invisibilización destas diferentes situacións, conduciu, nos últimos tempos, á formulación ou á aceptación de teorías aparentemente neutrais, que tomando como paradigma do ser humano “normal” ao suxeito masculino, consideraron que traballadores e traballadoras están sometidos aos mesmos riscos que poden prexudicar a súa saúde e que estes riscos afectan a uns e outras da mesma forma.

Estas formulacións propiciaron intervencións sobre a saúde laboral claramente reforzadoras dos estereotipos sexuais, hoxe desbotadas, e, segundo Ricardo Varela, “o novo enfoque da saúde laboral que imos abordar baséase na análise dos novos riscos e as distintas formas de enfermar debidas as diferencias biolóxicas, fisiolóxicas e sociais que existen entre mulleres e homes”.

A prevención con respecto á saúde laboral das mulleres comeza, sen dúbida, polo coñecemento dos riscos e debe ter presente non só o factor biolóxico relacionado coa capacidade reproductora, senón, as diferenzas corporais, de socialización, de roles a desenvolver e de esixencias engadidas ao posto de traballo polo feito de ser muller; en definitiva, debe incorporar o principio de igualdade para establecer as necesarias medidas de protección e a adecuación dos postos de traballo.

Coa finalidade de fomentar a integración da igualdade na política preventiva de riscos laborais, evitando así as desigualdades na prevención, a Lei Galega de Inserción Laboral das Mulleres, recolle no seu articulado unha serie de medidas destinadas a evitar que se produza calquera tipo de desigualdade en materia de seguridade e saúde laboral, por razón de sexo.

Ricardo Varela defende a idea de que “o conxunto da poboación é homoxénea e que non existen diferenzas entre diversos colectivos laborais, é unha falsa concepción que nos conduce a que riscos específicos que afectan a colectivos concretos non sexan valorados nin tidos en conta”.

A prevención de riscos articúlase en torno á solución dos problemas máis visibles, máis graves, e que desafortunadamente continuamos a lamentar con demasiada frecuencia: os accidentes de traballo, cuxa taxa de incidencia en homes é maior que en mulleres.

A acción de prevención, debido ás graves consecuencias da accidentalidade, incide sobre postos de traballo masculinizados, e, en palabras do Conselleiro de Traballo “estase a infravalorar os riscos que producen deterioro paulatino e sistemático da saúde e producen enfermidades profesionais e patoloxías relacionadas co traballo, actuando escasamente sobre os riscos existentes nos sectores feminizados”.

Nese senso e de maneira xeral, analizaranse as orixes dos riscos laborais, desenvolveranse acción de formación e información dirixidas aos traballadores e ademais estudiarase a adaptación das medidas de seguridade atendendo ás características propias de cada posto de traballo ás que poden estar expostos o cadro de persoal dunha empresa. Tal e como se recolle no articulado do anteproxecto de Lei, de xeito específico, articularanse medidas para prever en orixe os riscos derivados do embarazo, o parto e a lactación natural, e realizaranse actuacións en materia de prevención de riscos laborais sobre colectivos feminizados.

O obxectivo é integrar activamente nos retos e actuacións da Administración laboral competente en materia de traballo o principio de igualdade de trato entre mulleres e homes coa finalidade de evitar que, polas súas diferencias físicas ou polos estereotipos sociais asociados, se produzan desigualdades entre ambos os sexos, fomentando a adopción das seguintes medidas dentro do ámbito autonómico.

Para acadar tal obxectivo adoptaranse unha serie de diversas medidas tales como:

- A promoción dun estudo multidisciplinario dos accidentes de traballo e das enfermidades profesionais que se manifestan de maneira exclusiva ou significativamente predominante, sobre un só dos sexos, coa finalidade de detectar e de previr as súas causas. Asemade, fomentarase a realización de estudos estatísticos que permitan dispor de datos desagregados por sexo
- A investigación da influencia da diferente situación das mulleres e dos homes na familia e na sociedade na aparición de enfermidades profesionais ou na causa de accidentes de traballo, e, en especial, valorando a influencia da carga global de traballo doméstico, comunitario e laboral das mulleres
- O establecemento de programas de formación específica en materia de saúde laboral e de prevención de riscos desde unha perspectiva de xénero
- E se incentivará a progresiva adaptación dos equipos de protección individual, das circunstancias do posto de traballo e das súas condicións de execución aos condicionantes de xénero coa finalidade de evitar situacións de desprotección da saúde das mulleres

En definitiva, trátase de promover a realización de estudos estatísticos que permitan dispor de datos desagregados por sexo no ámbito da saúde laboral, estudiar accidentes de traballo e enfermidades profesionais manifestadas sobre un dos sexos, investigar a influencia da situación de mulleres e homes na familia con relación ás enfermidades laborais, así como establecer unha formación específica en materia de saúde laboral e prevención de riscos desde a perspectiva de xénero e adaptando equipos de protección, circunstancias do posto de traballo e condicións da súa execución aos diversos condicionantes de xénero.

Aos factores derivados das condicións do posto de traballo, hai que engadir, con respecto á saúde das mulleres, as diferentes esixencias sociais que se producen no ámbito laboral como a dobre xornada, a expectativa en canto á imaxe, a discriminación laboral, o teito de cristal ou o acoso sexual que aumentan a predisposición a enfermar ou a cronificar doenzas e incrementan a probabilidade se sufrir accidentes.

Para que todos estes retos se poidan cumprir a autoridade laboral fomentará a formación, información e sensibilización das empresas, e das traballadoras e traballadores, co obxectivo de combater na súa orixe os riscos derivados do embarazo, o parto e a lactación natural, coa finalidade de evitar, na medida do posible, a aplicación das medidas de cambio de posto.

Ademais, o departamento competente en materia de traballo impulsará a realización de actuacións especiais en materia de prevención de riscos laborais sobre colectivos feminizados mediante a elaboración de estudos epidemiolóxicos, diversas accións de información e asesoramento técnico e accións de vixilancia e control, a través da Inspección de Traballo e Seguridade Social, sobre o cumprimento das normas de prevención.

A Consellería de Traballo non vai permanecer impasible ante a deficitaria situación da prevención de riscos para a saúde laboral das mulleres galegas. Así o afirma Ricardo Varela ao considerar que “as mulleres non queren traballar deteriorando a súa saúde, porque son merecedoras dun trato de xustiza, porque Galicia precisa todo o potencial que poden aportar á sociedade, á economía, ao ámbito do traballo remunerado. Por isto o obxectivo do Goberno de Galicia é que a inserción laboral das mulleres se realice en igualdade de oportunidades, como un dereito propio, en plenitude e sen custes para a súa saúde física e psíquica”.



Gabinete de Comunicación da Consellería de Traballo da Xunta de Galicia