Skip to main content

Touriño comparece no Pleno do Parlamento o 5 de setembro para dar conta das medidas adoptadas para paliar os danos da vaga de lumes

O presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, anunciou que comparecerá no primeiro pleno do novo período de sesións, o vindeiro 5 de setembro, para dar conta das medidas adoptadas polo Goberno galego para paliar os danos causados pola vaga de lumes. Pérez Touriño informou ademais de que os conselleiros de Presidencia e Medio Rural comparecerán “con carácter inmediato e previo” nas comisións do Parlamento correspondentes, unha vez a Xunta de Portavoces da Cámara galega fixe a data.

O titular da Xunta manifestou a súa “certeza” de que “ningún dano nin ningunha indemnización” relativos á vaga de lumes rexistrada en Galicia na primeira quincena de agosto se quedará sen a cobertura necesaria, “ben porque o atenda o Estado ou o decreto de axudas da Xunta de Galicia, tanto no aspecto privado coma no público”, puntualizou. Neste sentido, salientou que os concellos contarán cun total de 22,4 millóns de euros para compensar os danos sufridos polos lumes, así coma os gastos excepcionais que tiveron que asumir para enfrontar a crise motivada polos incendios.

O titular do Goberno galego fixo estas declaracións tras manter unha xuntanza por espazo de dúas horas coa Comisión Executiva da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), na que tamén estiveron presentes o conselleiro de Economía, José Ramón Fernández Antonio; o conselleiro de Presidencia, José Luis Méndez Romeu; e o conselleiro do Medio Rural, Alfredo Suárez Canal.

Na comparecencia posterior ante os medios, e acompañado polo presidente da Fegamp, Xosé Crespo, Pérez Touriño fixo unha valoración das medidas de carácter inmediato adoptadas pola Xunta de Galicia e polo Goberno central, que esta mesma mañá aprobou no Consello de Ministros o seu propio decreto de axudas. O presidente galego destacou que as corporacións locais contarán con 22,4 millóns de euros para atender ás infraestruturas e servizos de comunicación afectados e, por outra, os gastos excepcionais que se viron obrigadas a asumir.

Esta contía é produto dos decretos de axudas aprobados polas administracións autonómica e central. En concreto, dos 13 millóns aprobados onte polo Consello da Xunta, 2,4 corresponden ao apartado de axudas destinadas aos concellos. Pola súa banda, dos 40 millóns aprobados hoxe polo Consello de Ministros, 20 están dirixidos tamén ás administracións municipais.

Así pois, Emilio Pérez Touriño subliñou que o decreto de axudas aprobado polo Goberno central “contén os elementos básicos urxentes para a reparación de danos e indemnizacións de carácter inmediato”.

Comisións do Pacto Local

O presidente da Xunta de Galicia destacou que a partir do establecemento destas liñas de axuda o Goberno galego, xunto cos concellos, abre “un período de participación máxima”, de “coordinación e disposición a concertar todo o que ten que ver co futuro”, explicou.

Touriño avanzou que a intención da Xunta de Galicia é contar en todo momento cos concellos para por en marcha o plan de medidas de recuperación que será aprobado no Consello do Goberno galego do vindeiro 31 de agosto. Para levar a cabo esta misión serán postas en marcha as comisións da Fegamp correspondentes ás áreas de Presidencia e Agricultura. O presidente galego manifestou a súa intención de que nestas comisións se aborden as medidas para a recuperación forestal; contra a erosión e desertización das áreas queimadas; o abastecemento de auga; a mellora das infraestruturas; o perfeccionamento do sistema de extinción de lumes; así como o establecemento dunha nova política forestal e nunha nova política territorial.

O titular da Xunta considerou a reunión coa Fegamp como “imprescindible” para abrir “un necesario período de intenso diálogo”, así como para compartir posibles medidas e disposicións destinadas á loita contra os incendios.

Por último, Pérez Touriño reiterou unha vez máis o seu “recoñecemento e agradecemento” á disposición da Fegamp e ao traballo realizado polos alcaldes de toda Galicia durante a vaga de lumes.

Pola súa banda, o titular da Fegamp, gabou a “intensa” e “moi positiva” reunión que permitiu á Comisión Executiva da federación “poñer enriba da mesa” que por parte dos alcaldes hai “a mellor disposición” para facer todo o que estea na súa man coa finalidade de que “poder levar a cabo a mellor coordinación”.

Xosé Crespo avogou pola “necesaria comuñón” entre a Administración autonómica e os gobernos locais para “facer fronte aos incendios forestais”. Neste sentido, salientou que “enriba da mesa queda unha ferramenta de traballo importante” para traballar nesta dirección.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia