Skip to main content

O Consello de Comunidades Galegas, na xornada de clausura, designa a Comisión Delegada que estará vixente os próximos tres anos

O Consello de Comunidades Galegas (CCG), proclamou, con 136 votos emitidos de 154 posibles, a Comisión Delegada que operará entre consellos os vindeiros tres anos. Composta por catorce membros, dos que dous (representantes do Centro Galego de Bos Aires e Casa Galicia de Montevideo) son permanentes, e doce elixidos polo pleno, entre as súas competencias cóntase a preparación dos plenos, a elaboración dunha memoria anual e a execución de competencias que delegue o pleno sobre ela.

Os centros elixidos polas tres áreas xeográficas existentes (América, Europa e España) foron os seguintes:

1.- América: Irmandade Galega de Caracas (Venezuela), Centro Recreativo Uníao do Río Tea de Salvador de Bahía (Brasil), Centro Social Cultural e Deportivo de Bolos Val Miñor (Uruguai) e Sociedade Fillos do Arentei e Centro Vilamarín Peroxano.

2.- Europa: A Nosa Galiza de Xenebra (Suíza), Centro Galego de Marsella (Francia), O Lar Galego de Rotterdam (Holanda) e Centro Galego de Nüremberg (Alemaña).

3.- España: Centro Galego de Santander (Cantabria), Casa de Galicia en Bilbao (País Vasco), Agrupación Cultural Galega “Saudade”• (Cataluña) e Centro galego de Málaga (Andalucía).

Manuel Luís Rodríguez clausura o CCG destacando o liderazgo dos galegos no exterior á hora de marcar a axenda das políticas de emigración de todo o Estado

O secretario xeral de Emigración asegurou, durante a clausura do VIII Consello de Comunidades Galegas, que rematados os traballos sentáronse as bases para pasar a un estadio no que queda patente que unha vez máis os galegos e galegas residentes no exterior “exercen o liderazgo da ampla comunidade emigrante española espallada polo mundo”.

Galicia, dixo, é unha “comunidade pioneira”, pois ademais de ser a primeira comunidade en contar cun Valedor do Emigrante; a primeira en dispor dun Rexistro on line que permita “coñecer de primeira man as demandas da emigración e en base a iso deseñar políticas específicas; a primeira en dotarse de ferramentas que, a través do futuro Consello da Galeguidade no que rematará derivando o actual Consello de Comunidades Galegas, “doten ao país dun órgano verdadeiramente operativo e representativo que exerza de altofalante das demandas de centos de miles de cidadáns”; ademais de todo iso, sinalou Manuel Luís Rodríguez, Galicia é pioneira “á hora de situar no debate político e nas axendas dos partidos a demandas de que sexa posible o exercicio ao voto nas eleccións ao Parlamento galego por parte dos cidadáns que residen noutras comunidades autónomas”.

O secretario xeral de Emigración, que foi precedido no uso da palabra polo escritor Xosé Neira Vilas, subliñou que algún día, cando o exercicio dos dereitos máis elementais na Galicia territorial sexa absolutamente normal na Galicia, se lembrará que foi no verán de 2006, durante o VIII Consello das Comunidades Galegas, cando a emigración do país reflexionou de xeito determinante sobre o seu futuro, decidiu tomar decisións e actuou soberanamente para converterse, sen posibilidade de volta atrás,en plena cidadanía”.

O responsable da política de emigración do Goberno galego asegurou que o VIII Consello das Comunidades Galegas foi o consello no que “entre todos afastamos a pantasma electoral” , tratando, con serenidade e altura de miras, ”temas de tanta transcendencia para o futuro dos galegos e galegas que residen no exterior, como a reforma do Estatuto de Autonomía ou a reforma da Lei da Galeguidade”.

Definitivamente, asegurou Manuel Luís Rodríguez, o trato de igual a igual queda instaurado na Galicia exterior, “e a partir de hoxe non hai irmáns, nin compadres, nin saloucos patéticos: hai cidadáns, hai iguais, hai dereitos e hai deberes”. Certo, engadiu, que con anos de atraso, pero verdade, tamén, que “de aquí en adiante, sen posibilidades de volta atrás”. O paternalismo coa emigración, que “cando non foi tratada como un menor de idade foi considerada un maior altamente dependente, está dende agora proscrito”.

O seu desterro, non obstante, debe estar acompañado da superación dos discursos nostálxicos e das apelacións melodramáticas á situación dun conxunto de cidadáns que non necesitan que ninguén lles lembre as traxedias que se agochan nas súas biografías familiares, senón persoas serviciais que lles proporcionen solucións aos problemas que o presente pon no seu camiño”.

O VIII Consello de Comunidades Galegas reclama ao Parlamento que o futuro Estatuto recoñeza á emigración de xeito explícito como parte da realidade social galega

O Consello de Comunidades Galegas (CCG), órgano deliberante de funcións consultivas e de asesoramento das institucións galegas no eido da emigración e que se reúne cada tres anos, aprobou por unanimidade as conclusións dos relatorios debatidos, entre as que se inclúe a demanda de abordar a posibilidade “de que os máis de 400.000 galegos que residen noutras comunidades autónomas poidan votar nas eleccións ao Parlamento de Galicia”. O Consello de Comunidades Galegas recoñece que esta demanda ten certa “complexidade e excede o eido competencial galego”, pero en calquera caso solicita á Comisión de emigración e á Comisión para a reforma do Estatuto de Autonomía do Parlamento de Galicia que a considere.

A CCG demanda asemade que o preámbulo do Estatuto de Autonomía recolla o fenómeno da emigración “como parte da realidade social galega dun xeito claro e explícito, facendo referencia aos galegos e galegas residentes no exterior no artigo referente á regulación da cidadanía galega”.

Outro das conclusións, acadadas por unanimidade, é a demanda de creación dun Consello da Galeguidade, superando así ao existente Consello das Comunidades Galegas, co fin de “acadar un órgano operativo e realmente representativo da emigración segundo as áreas xeográficas nas que se asentan as comunidades galegas”.

A contribución dos galegos e galegas residentes no exterior á reforma do Estatuto complétase coa solicitude ao Parlamento de que se contemple un artigo dentro do ámbito competencial sobre a regulación da “protección do patrimonio galego exterior”, por canto Galicia conta cun valioso patrimonio artístico, bibliográfico, arquitectónico e histórico”.

A comisión, noutro eido, habilitada para o debate arredor da reforma da Lei de Galeguidade concluíu, en base ao relatorio presentado por Xosé Luís Rodríguez Pardo, que o concepto de galeguidade conleva un recoñecemento explícito ao papel da emigración na historia de Galicia e na súa idiosincrasia, por iso as conclusións recomendan que “a Historia de Galicia ligada ao feito específico da emigración estea presente “no ensino en todos os seus graos”.

A comisión tamén acordou que os centros galegos existentes fóra de Galicia que teñan cumpridos máis de 100 anos sexan considerados como Patrimonio da Galeguidade e de acordo a tal recoñecemento se estableza “a protección necesaria do seu patrimonio bibliográfico, inmobiliario e demais, tal como legalmente sexa posible, facendo unha especial mención ao Centro Galego de Montevideo por ter cumpridos máis de 120 anos”.

En canto ao recoñecemento da galeguidade aos individuos, se ben os participantes na comisión non compartían a consideración desta posibilidade debido a que non existía consenso arredor das condicións nas que se debe compartir, si consensuaron que a galeguidade tamén pode ser atribuída á comunidade galega en xeral, como colectivo que difunde e transmite a lingua e a cultura galega no exterior. Exposto isto, os membros da comisión acordaron aprobar os termos nos que se defendeu o relatorio de Rodríguez Pardo feitas as puntualizacións anteriores.

Reunida a Comisión 1ª do VIII Consello de Comunidades Galegas para o debate da relatorio “Os galegos residentes no exterior no novo Estatuto de Autonomía”, acordouse a aprobación por unanimidade das seguintes conclusións:


1. A emigración representa un dos fenómenos máis dramáticos da historia da Galicia dos últimos dous séculos. Hoxe Galicia conta con centros galegos espallados por todo o mundo froito das vagas migratorias que Galicia experimenta desde finais do século XIX e comezos do século XX ata a actualidade. Sen embargo tamén cómpre destacar que o valor identitario, económico, político, cultural e estratéxico da diáspora constitúe unha posta en valor e unha oportunidade que a sociedade galega non debe desperdiciar. Porén o preámbulo do Estatuto de Autonomía de Galicia debe recoller o fenómeno da emigración como parte da realidade social galega dun xeito claro e explícito, facendo referencia aos galegos e galegas residentes no exterior no artigo referente á regulación da cidadanía galega.
2. No artigo referido ás institucións de autogoberno e no que se regulen as bases estatutarias da lei electoral, deberá abordarse a posibilidade de voto para os galegos e galegas residentes en España nas eleccións ao Parlamento de Galicia. Se ben, é certo que esta demanda conleva complexidade e excede o eido competencial galego, solicitamos á Comisión de Emigración e á Comisión para a reforma do Estatuto de
Autonomía de Galicia que analicen e debatan esta proposta que consideramos que conta co consenso dos máis de 400.000 galegos que residen fóra de Galicia así como de toda a diáspora en xeral.
3. O futuro Estatuto de Autonomía de Galicia debería engadir no título preliminar un artigo referido ás comunidades galegas no exterior definido o ámbito da galeguidade para os residentes na comunidade autónoma e nos residentes no exterior e contemplando tamén o dereito das comunidades galegas a solicitar o recoñecemento da galeguidade para participar deste xeito na vida social e cultural galega.
4. Tamén cómpre regular a creación dun Consello da Galeguidade, superando así ao existente Consello das Comunidades Galegas, co fin de acadar un órgano operativo e realmente representativo da emigración segundo ás áreas xeográficas nas que se asentan as comunidades galegas.
5. Por último, ademais de contemplar aos galegos e galegas residentes no exterior dentro da cidadanía galega e de facer referencia ao papel das comunidades galegas como transmisores da lingua e a cultura galega no exterior, no Estatuto de Autonomía de Galicia debería contemplarse un título dentro do ámbito competencial sobre a regulación da protección do patrimonio galego no exterior.

Galicia conta cun valioso patrimonio artístico, bibliográfico, arquitectónico e histórico no exterior que forma parte da Galicia universal e cómpre protexer e potenciar. Consideramos que o Estatuto como norma básica de Galicia debe recoller a necesidade da súa protección así como o seu regulamento.

Conclusións da Comisión 2ª do VIII Consello de Comunidades Galegas relativa ó relatorio A reforma da Lei de Galeguidade

Reunida a Comisión 2ª do VIII Consello de Comunidades Galegas para o debate do relatorio “A Reforma da Lei de Galeguidade”, acordouse a aprobación das seguintes conclusións:

Logo dun amplo debate e discusión sobre os textos do relatorio presentada e das diversas comunicación formuladas polas representación dos centros que compoñen o consello das Comunidades Galegas, a Comisión adoptou o seguinte acordo como conclusións dos traballos levados a cabo:

1º.- Apróbase o texto presentado como relatorio para a reforma da Lei de Galeguidade, o que será remesado como antecedente ao Parlamento de Galicia para a súa tramitación lexislativa, se así o considerase, coas seguintes aclaracións.

2º.- As liñas básicas para reforma da vixente Lei da Galeguidade debe ter en conta dous aspectos sen os cales non se entende o propio concepto de galeguidade serían concretadas da seguinte forma:
a) En canto atribución universal aos home e mulleres fóra de Galicia débese recoñecer a aquelas comunidades galegas incorporadas ó movemento asociativo dos galegos, en calquera parte do mundo no que se atopen.
b) Débese polo tanto, na reforma da lei facer unha significativa mención como contribución básica ao desenvolvemento da galeguidade, a dito movemento asociativo galego no exterior e a súa ligazón ao feito da emigración galega como un dos fundamentos esenciais de dita galeguidade e, ademais do agradecemento histórico por teren tal consideración, debese esixir ás asociacións galegas no exterior un comportamento e una finalidade básica de tales actividades de defensa e traballo en prol da lingua, historia e cultura galega, de agora en adiante, coa mesma dedicación e firmeza con que deica de agora levan traballando por todo o mundo dos galego no exterior e a incorporación do idioma galego ao ámbito da lusofonía.

Por todo o dito, tanto o texto da ponencia-relatorio como o de todas e cada unha das comunicacións presentadas neste Consello de Comunidades Galegas deben ser remesadas á Presidencia do Parlamento de Galicia para a súa tramitación conforme a lei, acordándose, así ben:
- que se inclúan como texto obxecto de cualificación no Ensino en tódolos seus graos, a Historia de Galicia ligada ao feito específico da Emigración Galega.
- por último, a comisión acorda que os centros galegos existentes fora de Galicia que teñan ou cumpran máis de 100 anos sexan considerados como Patrimonio da Galeguidade e consonte a tal recoñecemento se estableza a protección necesaria do seu patrimonio bibliográfico, inmobiliario e demais, tal como legalmente sexa posíbel, facéndose xa unha especial mencións ao Centro Galego de Montevideo por ter cumpridos máis de 120 anos.
Gabinete de Comunicación da Secretaría de Emigración da Xunta de Galicia